Lea entre Concello de Santiago e Xunta pola ordenanza do ruído

O Goberno galego levou á xustiza a ordenanza municipal.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 21/03/2019 | Actualizada ás 19:11

Comparte esta noticia

A Vicepresidencia da Xunta levou á xustiza a ordenanza municipal do ruído aprobada polo Concello de Santiago de Compostela, que afea á administración autonómica que optase por este camiño. Fontes do Goberno galego xustifícana, no entanto, para "non dilatar os prazos para a solución desta situación".

Narf nun concerto no Pub Borriquita, en Santiago
Narf nun concerto no Pub Borriquita, en Santiago

Fronte a esta postura, o Consistorio compostelán critica que a Xunta "actúa selectivamente, escollendo con quen dialoga e evitando o diálogo cos principais concellos de Galicia, con deslealdade institucional". "Todo o contrario do que recolle a lei de administración local de Galicia, que establece mecanismos de colaboración interadministrativa antes que xudicializar as diverxencias", lamenta.

Pola súa banda, o Executivo galego explicou que existían dúas vías: facer un requirimento previo ou ir directamente á vía xudicial. Neste caso, explicou Vicepresidencia, optouse por este camiño "simplemente para non dilatar os prazos".

Segundo a argumentación da Xunta, a Lei de espectáculos públicos sinala que os concellos poderán establecer "supostos concretos" deste tipo de actividades que, pola súa escasa entidade, "non precisen a presentación de declaración responsable de protección de orde pública, seguridade pública, saúde pública e medio ambiente".

Neste sentido, sinala que o Concello tería que establecer "xustificadamente" aqueles supostos concretos na súa ordenanza, pero, "pola contra, o que fai é permitir con carácter xeral todo tipo de actuacións en vivo en todo tipo de establecementos sen distinción" e co único requisito de cumprir a normativa de contaminación acústica.

NON HOUBO ALEGACIÓNS

Fronte a esta denuncia, o Concello de Santiago defendeu que aprobou inicialmente a nova ordenanza en xullo e, definitivamente, en novembro, "sen que durante o período de alegacións e exposición pública a Xunta fixese ningunha achega".

Agora o Consistorio coñeceu a existencia do contencioso-administrativo presentado pola Xunta e un borrador de decreto de catálogo de espectáculos que achegou o sector. A este respecto, apunta que o propio borrador de decreto "contradí" a Lei de espectáculos, que recoñece a autonomía municipal na materia".

O goberno local, que preside Martiño Noriega (Compostela Aberta), lembra que impulsou a ordenanza ante a "pasividade" da Xunta, que "non quixo establecer un diálogo" co Concello, para poder recoñecer a música en vivo como "un elemento transversal" e que os locais composteláns puidesen seguir acollendo este tipo de eventos.

"O Concello fixo os seus deberes e vai loitar porque a Música ao Vivo (ciclo musical de concertos en directo) nos locais continúe sendo parte da riqueza cultural da cidade. Regulamos coas competencias que nos recoñece a Xunta", incidiu en Consistorio, que nega "manga ancha".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta