Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 26/03/2019 | Actualizada ás 16:41
Óscar Pérez Carral, o militante afín a Pachi Vázquez que figuraba no número 11 da lista do PSOE local para as eleccións municipais do 26 de maio e que foi retirado da candidatura polo Comité Provincial, pediu a baixa do Partido Socialista.
Segundo fontes socialistas, Pérez Carral chegou a ser proposto polo entón candidato socialista á Alcaldía, José Ángel Vázquez Barquero, para ocupar o terceiro posto da súa candidatura, aínda que ao final quedou no número 11.
Con todo, o Comité Provincial celebrado o pasado 9 de marzo, decidiu apartalo da lista xa que, conforme explicou naquel momento o secretario provincial, Rafael Rodríguez Villarino, "non tiña lexitimidade para formar parte da lista do PSOE na cidade", ante "as informacións en prensa que o vinculaban a outra lista", en referencia a Espazo Común, o partido impulsado polo exsocialista Pachi Vázquez.
A baixa de Óscar Pérez Carral prodúcese nun momento no que o PSOE traballa para elixir a un novo candidato á Alcaldía da cidade despois de que o pasado domingo José Ángel Vázquez Barquero fixese pública a súa renuncia por mor dos cambios aprobados pola Comisión Federal de Listas, que acordou incluír á actual edil Concha García no posto catro da lista, en substitución de Juana Ageitos, que pasou a ocupar o décimo posto.
Óscar Pérez era membro da executiva local do PSOE ourensán, na que ocupaba a secretaría de Acción Electoral polo que os socialistas deste municipio deben agora tamén buscar a outra persoa para esta responsabilidade a dous meses dos comicios locais.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.