Arquivada a investigación sobre a morte dunha moza na praia das Catedrais en Ribadeo

"Aínda cando puidese considerarse que concorrese algún tipo de responsabilidade por culpa, a mesma non sería susceptible de ser axuizada no ámbito penal" segundo a xuíza.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 02/04/2019 | Actualizada ás 18:51

Comparte esta noticia

O Xulgado de Primeira Instancia e Instrución número 1 de Mondoñedo (Lugo) decretou por segunda vez o sobresemento provisional e arquivo das actuacións relacionadas co falecemento dunha moza de 25 anos en marzo de 2018 na praia das Catedrais, en Ribadeo (Lugo), tras caerlle unha pedra na cabeza. A maxistrada explica que despois de practicar as dilixencias solicitadas pola Audiencia Provincial de Lugo "non resulta debidamente xustificada a perpetración do delito".

En setembro de 2018, a Audiencia revogou parcialmente o auto de xuño de 2018 emitido polo Xulgado de Mondoñedo que desestimaba o recurso de reforma interposto pola familia da vítima contra o sobresemento das actuacións decretado polo xulgado en maio dese ano. "As dilixencias practicadas non fixeron senón confirmar o xa argumentado no auto de 13 de xuño de 2018", subliña a xuíza, quen destaca que "aínda cando puidese considerarse que concorrese algún tipo de responsabilidade por culpa, a mesma non sería susceptible de ser axuizada no ámbito penal".

Iso, "dado que a falta de previsibilidad sería en todo caso leve, desprazando o posible reproche ao ámbito da responsabilidade civil/contenciosa, en aplicación do principio de intervención mínima que rexe o Dereito Penal". A titular do Xulgado de Primeira Instancia e Instrución número 1 de Mondoñedo asegura que é "especialmente destacable" o resultado dun informe da Xunta no que indica cales eran os carteis de advertencia dos riscos existentes no lugar dos feitos o día no que se produciron.

Neles, segundo o auto, "sinalizábase expresamente o perigo de desprendemento de rochas". Ademais, a instrutora sinala que a Xunta informou que no proceso de solicitude de reserva de praza para visitar a praia, o solicitante debe aceptar "que coñece os riscos, entre os que se fai constar que se han de extremar as precaucións nas proximidades dos cantiles". "A eventual imprudencia non excedería do carácter leve tendo en conta da entrada na cova da vítima en contra do aconsellado na citada advertencia de riscos existentes", explica a xuíza. Contra o auto cabe presentar recurso de reforma e subsidiario de apelación.

Praia das Catedrais en Lugo. EUROPA PRESS - Arquivo
Praia das Catedrais en Lugo. EUROPA PRESS - Arquivo | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta