Calquera cultura debe coñecer e recoñecer a este xigante da pintura universal. Un xenio do surrealismo, un escultor do Atlántico, un mecánico dos soños humanos. A difusión da súa figura é unha tarefa continuada que varias persoas se propuxeron dende hai anos. Algúns dos nosos actuais pintores máis internacionais valoran e enxalzan o legado artístico de Lugrís. Algúns dos nosos poetas máis laureados por aí fóra coinciden nesa valoración. Algúns dos que paseamos entre o común comprendemos que estamos perante un animal das artes plásticas. Admirámolo.
Parece que non está reivindicado o suficiente cando non se protexe a súa obra. Quen pode entender que un goberno, sexa o municipal ou o autonómico, non tutele murais que se están deteriorando nin adopte medidas para a súa conservación? Poñamos por caso o mural do restaurante coruñés La Bottegga: hoxe este local está para alugar e as súas paredes custodian un fermosísimo mural de Lugrís. O futuro desta creación dependerá da obra e graza do vindeiro propietario. Eis a ruda realidade da nosa terra. Unha cultura botada á indixencia cun goberno con ademán de noxo.
Esfórzanse dende as institucións públicas para incumprir coas súas responsabilidades. A cultura, iso é unha paifocada dos “demasiado gallegos”, xusto aqueles que loitaron para dotarnos dunhas mínimas estruturas autonómicas das que eles viven. O mundo ao revés ou a lóxica do neoirracionalismo. Chámalle burro ao cabalo.
Mais están aí, amosando ese baleiro de poder. Por iso uns vigueses (A Nave das Ideas) e coruñeses (In Nave Civitas) irmandámonos para ocupar e exercer ese dereito cidadán. Facémolo dende a imaxinación, con doses de pedagoxía e esquivando as trabas económicas do mellor xeito que poidamos. Asumimos o poder de defender, protexer e divulgar a obra de Lugrís.
Deste xeito, herculinos e olívicos, chamamos a elevar á voz popular dúas sonadas reclamacións: queremos rachar cos estúpidos localismos; queremos que a arte na súa totalidade teña a mesma consideración que as letras.
O primeiro dos puntos pretende pór fin a estas trangalladas de fomentar a rivalidade como se foramos tribos ancestrais e non dúas cidades galegas. Ollade para o caso das caixas: uns comparten privilexios e outros andan encirrando por non sei que causas. Mais unir A Coruña e Vigo, mediante ese océano que é Lugrís, tamén permite desterrar a Compostela como única capital cultural de Galiza e, á vez, estamos tecendo redes sociais, creando o que moitos denominan “tecido social”. Estamos argallando bases de contacto e comunicación entre persoas que compartimos uns principios como a defensa da cultura galega.
O segundo dos puntos comprímese nunha proposta: queremos un Día Nacional das Artes Galegas, non só un Día das Letras Galegas. Non pretendemos soterrar as letras por outra expresión artística. Só que estean ao mesmo nivel. E se un ano é dedicado a un poeta, outro pode selo a un pintor, director de cinema, músico ou escultor. Por que non?
Non podemos deixar oco ao desleixo. Temos que procurar vías que nos permitan tomar decisións ante a desidia destes filisteos que nos gobernan. Temos que autoorganizarnos e autodeterminarnos como un exercicio de cidadanía con conciencia de seu. Ante a súa negación, a nosa afirmación.