Deslocalización de Unitono, atender en galego desde Cataluña é máis rendible?

Unitono é unha empresa de telemárketing que está vendo como diminúe a cantidade de traballo nos últimos anos. Por outra parte, a mesma empresa está abrindo un novo centro en Cataluña. Os anuncios na prensa e webs de traballo din que se terá en conta saber galego entre outros aspectos, por iso, hai temor ao peche do centro en Ourense.

Por Moncho Mariño | OURENSE | 08/04/2019 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

A empresa Unitono instalouse no Parque Tecnolóxico de Galicia, en San Cibrao das Viñas, Ourense. Ofrece servizos de telemárketing para Naturgy (Gas Natural Fenosa) como único cliente. Mais a cuestión é que, segundo fontes sindicais, a empresa Unitono abriu un novo centro en Reus (Cataluña) e as ofertas de emprego para traballar nese novo centro inclúen a valoración de saber falar galego.

Oferta emprego Unitono pide galego para centro en Reus
Oferta emprego Unitono pide galego para centro en Reus | Fonte: Infojobs

A cuestión é que tendo un centro en Ourense, onde todo, ou case todo o cadro laboral é galego, poderían atender perfectamente en galego, tal como veñen facendo desde 2008. Non obstante, e aínda que o centro ourensán pode atender máis carga de traballo da que atenden, o número de traballadores e traballadoras foi diminuindo nos últimos anos.

MERCADO VOLUBLE

Miriam Varela forma parte do comité de empresa en Unitono. Xa levan varias reuniónsn coa empresa e con representantes tanto políticos como sociais, para buscaren unha solución ao problema que se lles presenta. “Hoxe (luns 8 de abril) mesmo temos convocados paros parciais, un a medio día e outro pola tarde, tamén recollemos diferentes apoios de partidos e institucións”. A última reunión coa empresa foi mediante  “unha vídeo conferencia coa empresa onde nos dixeron que non poden garantir os postos de traballo, porque din que o sistema de telemárketing é moi voluble e hai perdas, por tanto teñen que tomar medidas”.

Durante a vídeoconferencia, Varela asegura que “non especificaron cales son as medidas que queren tomar”. Iso a pesar de que a situación é que “nós levamos 10 anos no polígono tecnolóxico de San Cibrao das Viñas, só dependemos dun cliente (Naturgy) e non se ampliou a carteira de clientes e se non traes novos clientes estás condenado a morrer”. A pesar de que a empresa apunta a necesidade de tomar medidas “non se comprometeron co comité de aquí a fin de ano para garantir os postos de traballo, entendemos pois que a situación é crítica”. Este martes que vén está anunciada outra reunión pola mañá.

Telemárketing
Telemárketing | Fonte: Facebook

DESLOCALIZACIÓN E OFERTAS CON GALEGO

Desde un punto de vista pragmático e práctico, a empresa tería unha boa oportunidade en Galicia, mesmo no sentido de que haxa solo industrial máis barato que en Cataluña, e que o galego é lingua cooficial. Preguntada Miriam Varela se entenden por que é posible que Unitono abandone Ourense di “non sei se teñen subvencións en Cataluña, aquí teñen o centro montado con 130 traballadores, tamén hai persoal con contratos eventuais que leva prestando traballo desde hai moito tempo, son persoas que están formadas, por tanto non hai necesidade de formar a ninguén, teñen capacidade de crecer aquí, porque a empresa está a medio gas, hai moitos postos libres, no parque tecnolóxico hai moitos nichos libres, moitos sitios para alugar e ampliar a plataforma”.

O chocante, insistimos, é que exista oferta de traballo lanzanda a través das webs de emprego e na prensa xeralista de Cataluña, para comezar a cubrir postos en Reus. “No anuncio da empresa en Infojobs tamén se especifica que valorarán falar e entender galego, iso fainos pensar que a situación é máis crítica, porque se prefires contratar xente en Reus que fale en galego a facelo aquí en Galicia que ademais non cobras plus de idioma sendo cooficial, e alá en Cataluña si o cobrarás se atendes en galego porque alí non é cooficial, pois iso non entendemos, que se pida xente que fale galego en Cataluña, salvo que atendan as chamadas alá”.  A cuestión é que se se paga un plus por idioma, a empresa estaría entrando en gasto extra, pois falar en galego desde Cataluña, tal como din desde o comité de empresa, págase como extra.

CAPACIDADE DE TRABALLO

“Actualmente somos 131 traballadores, desde a apertura en 2008 houbo momentos con máis de douscentos traballadores, o 90% mulleres, a maioría con contratos indefinidos” di Varela, que sinala ademais que “houbo moita xente porque Ourense é unha cidade moi pequena, por tanto habería capacidade de asumir un 25% ou un 30% máis de carga de traballo, de xente e aumentar a xornada

E o cliente que di? “A pesar de que o cliente está satisfeito, porque nos teñen felicitado polo bo traballo que fixemos, non queren (Unitono) ampliar a carga de traballo que temos aquí, prefiren os outros cinco provedores, un deles en Colombia e o que agora teñen en Reus”. A dependencia dun único cliente ten unha resposta desde o comité de empresa “O problema non é que se traballe mal, é que desde a empresa, comercialmente non fixeron o seu traballo”. Isto foi presentado á empresa que  “dicía que sempre o tentaba pero que traer novos servizos para Ourense é complicado”.

Non obstante, desde unha perspectiva máis laboral, o comité de empresa entende que “é máis rendible para a empresa contratar traballadores novos que non teñen dereitos, que contratar persoas que leven dez anos na empresa e coñezan os seus dereitos e que son, maioritariamente, indefinidos”.

En tal caso, de momento non hai data límite para un posible peche estamos actuando a partir dos indicios que estamos tendo, que teoricamente  o cliente confía en nós, mais que van tomar medidas pola complicada situación, non nos dixo cales son as medidas e tampouco entendemos medidas que entendemos como drásticas”. Preguntaron á empresa sobre a oferta de traballo que lanzaron en Internet, Unitono dixo que era para outro cliente, o comité de empresa descubriu que era para Naturgy tamén, Unitono responde que é outro tipo de cliente de Naturgy, descubriron que era o mesmo e que ademais estaban as condicións laborais anunciadas nun oferta de emprego. “A empresa dixo que non había tal oferta e logo mostrámoslles a oferta en Internet”.

APOIOS

O comité de empresa enviou unha carta á Consellería de Economía e Industria. Galicia Confidencial púxose en contacto coa consellería e a resposta é que  “a Xunta está en contacto cos traballadores, e esta mesma semana manterá unha reunión co comité de empresa. Ademais, tamén estamos en contacto coa compañía”.

Por outra banda, o comité tamén contactou con todas as forzas parlamentarias, así como cos diferentes concellos, Deputación, mancomunidades e outras institucións para ter o seu apoio. PSdeG e BNG presentaron senllas iniciativas parlamentarias. O luns 8 de abril Luis Villares, portavoz de En Marea estivo en San Cibrao das Viñas, na sede da empresa. “É inaceptable que non se estea informando aos traballadores e traballadoras de cal é a situación, en canto as administracións cremos que a Xunta debe intervir para impedir a deslocalización das empresas”. Villares pediu tamén cambiar as lexislacións estatal e europea para evitar deslocalizacións e presentarán a correspondente iniciativa parlamentaria ademais de pedir a mediación da Xunta.

A deputada do BNG, Noa Presas apuntou este luns a outra cuestión "moi grave" como é "o silencio da Xunta de Galicia". "O señor Núñez Feijóo o que ten que facer inmediatamente é chamar a Naturgy e dicirlle que non vai consentir que no país no que máis electricidade se exporta para o resto do Estado permítase que os servizos secundarios, como a atención ao cliente, leven de aquí", engadiu Presas.

Galicia Confidencial contactou coa empresa Unitono, mais de momento aínda non enviaron resposta. Mentres tanto, o comité de empresa ten convocado outro paro parcial para o día 10 de abril. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta