A dieta atlántica, unha das mellores opcións alimentarias contra o cambio climático

Un novo estudo científico da dieta característica de Galicia afirma que é “respectuosa co medio ambiente", ao que hai que engadir os seus altos valores nutricionais.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 09/04/2019 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

Sabiamos grazas á ciencia que a dieta atlántica é unha das máis sustentables no mundo, cunha pegada de carbono mesmo máis baixa que a mediterránea. Agora, unha nova achega científica confirma que esta opción alimentaria é “respectuosa co medio ambiente", ao que hai que engadir os seus altos valores nutricionais.

Dieta atlántica.
Dieta atlántica.

A comunidade científica leva tempo investigando sobre o impacto medioambiental da produción, transporte, comercialización e consumo das distintas dietas, xa que se sabe que teñen un efecto significativo no cambio climático. De feito, os autores deste novo estudo, do Departamento de Enxeñaría Química da Universidade de Santiago, sinalan que "o efecto dos diferentes hábitos de consumo no medio ambiente non debe ser subestimado, xa que hai diferentes estudos que mencionan o impacto ambiental asociado con diferentes alimentos, especialmente os de orixe animal". 

Por isto, realizaron un estudo sobre o impacto medioambiental da dieta atlántica, como exemplo dunha opción alimentaria cun alto consumo de produtos locais, frescos e de tempada, cociña caseira e alimentos pouco procesados. A avaliación realizouse cuantificando a pegada de carbono seguindo a metodoloxía da análise do ciclo de vida e identificando a súa calidade nutricional.

De acordo cos principais resultados da investigación, o consumo de produtos gandeiros e mariscos é responsable da maioría das emisións de gases de efecto invernadoiro (70% do total) na dieta atlántica.

Os científicos destacan que os ingredientes básicos desta dieta, como as verduras e os legumes, teñen unha pegada de carbono “relativamente menor”, cun impacto do 30% do total.

En canto á calidade nutricional, salientan que a dieta atlántica acada unha alta puntuación, “debido principalmente á baixa inxesta de sodio, azucres engadidos e graxas saturadas (nutrientes que deben limitarse nas dietas saudables)”.

Os autores indican que tanto a pegada de carbono como a puntuación do índice nutricional da dieta atlántica “son consistentes coas doutros estudos sobre a dieta mediterránea, que foron recoñecidos como beneficiosos”. E conclúen que a dieta característica do noroeste peninsular “se pode recomendar desde un punto de vista nutricional e ambiental, principalmente debido á alta inxesta de peixe e verduras”.

Consideran, ademais, que “as características da dieta atlántica, baseadas en promover o consumo de produtos locais, frescos e de tempada, a cociña caseira e os alimentos de baixo procesado tamén contribúen á súa baixa pegada de carbono”. Neste sentido, din, pode considerarse como unha dieta sustentable, segundo as guías da FAO (Organización das Nacións Unidas para a Alimentación e a Agricultura), xa que “ten un baixo impacto ambiental e contribúe á seguridade e calidade alimentaria”,

A FASE DE PRODUCIÓN, A MÁIS CONTAMINANTE

A etapa de produción dos alimentos é a principal responsable das emisións de gases de efecto invernadoiro, seguida da fase de procesado/cociñado e o seu transporte.

A carne e os produtos lácteos e pesqueiros teñen a pegada individual máis alta, especialmente o queixo e a carne de res, aínda que no estudo se sinala que as súas cantidades consumidas non son tan importantes como outros alimentos como as verduras ou as froitas, que se consideran alimentos básicos na dieta atlántica recomendada.

De acordo cos resultados do estudo, as dietas diarias con valores máis altos de proteína animal asócianse con maiores emisións de gases de efecto invernadoiro. Desta maneira, subliñan os científicos, “a posibilidade dun cambio na dirección dun menor consumo de proteína animal relaciónase con dietas máis sustentables”.

Os autores consideran que a pegada de carbono total da dieta podería reducirse minimizando a inxesta de produtos pecuarios. E aínda que as cantidades inxeridas de carne e produtos lácteos non son moi altas no patrón atlántico, estiman que se poderían reducir máis “compensándose coa inxesta de proteínas de orixe vexetal”.

Os investigadores estiman que é fundamental potenciar a información nutricional e ambiental de dietas como a atlántica, para que “sexa atractiva e valiosa para os consumidores”. Por isto, din que “o deseño de etiquetas ou logotipos podería considerarse como unha solución estratéxica para promover o consumo sustentable de alimentos, pero se deben desenvolver programas educativos integrais”.

CARACTERÍSTICAS DA DIETA ATLÁNTICA

A dieta atlántica caracterízase por un “consumo abundante de produtos de orixe vexetal, así como produtos locais e frescos (alimentos de tempada) cun tempo de cociñado reducido. O consumo de carne e ovos é razoable e o aceite de oliva considérase a principal fonte de graxa para cociñar e condimentar”, destácase no estudo.

“O concepto da dieta atlántica remóntase aos menús tradicionais da gastronomía galega e caracterízase por unha alta inxesta de alimentos de tempada, verduras, froitas, patacas, pan e cereais, castañas, noces, legumes e mel, peixe, moluscos e crustáceos; un consumo moderado de leite, queixo, carne de res e porco, ovos, e métodos de cociñado baseados en ferver, cocer e asar. Por tanto, garántese unha inxesta abundante de azucres complexos, fibra, ácidos graxos poliinsaturados, vitaminas, minerais e compoñentes funcionais”, describen.

O estudo, titulado ‘Towards an environmentally sustainable and healthy Atlantic dietary pattern: Life cycle carbon footprint and nutritional quality’, publicouse recentemente na revista científica Science of The Total Environment e complementa outra chega científica dos mesmos investigadores na que compararon o impacto medioambiental de dietas de todo o mundo.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta