Volotea estrea ruta con Bilbao desde á Coruña co 80% de ocupación nos voos de abril

A aerolínea analiza opcións para o ano 2020, pero polo momento ve "pronto" falar de máis rutas novas para o aeroporto de Alvedro.

Por Europa Press / Redacción | A CORUÑA | 09/04/2019 | Actualizada ás 15:00

Comparte esta noticia

A compañía aérea Volotea presentou este martes o inicio das súas operacións no aeroporto de Alvedro mediante a apertura dunha ruta con Bilbao, que xa alcanza o 80% de ocupación nos voos do mes de abril. En rolda de prensa, o director de Desenvolvemento Corporativo de Volotea, Carlos Cerqueiro, xunto co director do aeroporto de Alvedro, Jesús Campo, deu a coñecer o balance da primeira semana de operatividade da ruta a Bilbao.

A ligazón aérea coa cidade vasca opera durante todo o ano dúas veces por semana --os xoves e os domingos-- con 20.000 asentos dispoñibles. Unha capacidade que xa está ao 80% de ocupación para este mes de abril, o que "fai pensar que esta conexión era necesaria", sinala Cerqueiro. O voo inaugural de Volotea do 4 de abril con saída desde Bilbao voou con 115 pasaxeiros, e a volta con 112. O voo do 7 de abril transportou 117 pasaxeiros e a volta 105. Isto supón unha ocupación do 90% xa que para operar esta ruta a compañía aérea utiliza un Boeing 717 cunha capacidade de 125 pasaxeiros.

"Estes horarios cremos que son os que funcionan", dixo o director de Desenvolvemento Corporativo de Volotea, que opina que esta frecuencia de voos permite unir as dúas cidades con fins comerciais e empresariais que requiren de frecuencias en días laborables, ademais de fins turísticos. Ademais, a Cerqueiro non lle preocupa que Vueling recupere a súa conexión con Bilbao desde A Coruña. "Cremos que A Coruña ten capacidade para absorber a oferta de Vueling e Volotea", afirma.

No conxunto do primeiro trimestre do ano, Volotea, que conecta máis de oitenta aeroportos de toda Europa con voos entre cidades medianas e pequenas de trece países, sitúase como a aerolínea máis puntual de Europa na categoría 'low cost', cunha puntualidade do 90,4%.

PLANS DE FUTURO

Tras os bos datos de ocupación na primeira semana desta nova ruta e preguntado sobre a posibilidade de ampliar a oferta desde o aeroporto da Coruña, Cerqueiro quixo ser prudente: "Traballamos cun ano de antelación, agora estamos a analizar opcións para o ano 2020".

"En 2020 anunciaremos novas rutas, pero agora é pronto. Necesitamos ver como se comporta esta ruta nos próximos meses", comentou o responsable de Desenvolvemento Corporativo de Volotea, que destaca o "éxito" que está a ter esta nova ruta tamén en Bilbao. Así, na cidade vasca tamén alcanzou o 90% de ocupación na primeira semana de funcionamento desta nova ligazón. E é que, "A Coruña é un destino moi atractivo en Bilbao".

Aeroporto de Alvedro, A Coruña
Aeroporto de Alvedro, A Coruña | Fonte: Concello da Coruña.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta