Por X.A. Pérez-Lema | A Coruña | 14/04/2019
Galicia non ten nin tivo nunca Gobernos amigos. Galicia ten intereses. Cómpre, pois, defendelos aos partidos soberanos galegos. Porque tanto o tripartito da Santa Alianza como PSOE e Unidas Podemos atenden outros intereses, nunca os dun país que só representa pouco máis do 5% dos votos e do PIB estatal.
Enténdanme ben. Non quero ser equidistante entre o moi malo e o simplesmente ruín. O PP de Casado e os seus dous socios do tripartito de extrema dereita queren botar fóra a lingua galega da vida pública e ameazan directamente o noso autogoberno cunha agresiva recentralización. Unha recentralización que só nos empobrecerá, porque Galicia ten alicerces económicos que para o Estado son prescindìbeis. Ten intereses moi propios e determinados que só dende un alto grao de autogoberno e de capacidade de condicionar as decisións do Estado poden ser defendidos. Para máis, xa me contarán o que nos interesan neste país os debates da tauromaquia, da caza maior ou do muro de Ceuta.
Mais tamén o PSOE e Unidas Podemos (UP) xa nos demostraron o que lles importa este país, pactando os peores Orzamentos para Galicia dos últimos dezaséís anos O PSOE demostra aberto desleixo a respecto de cuestións esenciais da nosa axenda galega, como as axudas á industria electrointensiva (Alcoa, Ferroatlántica, Megasa…) ou a transferencia da AP-9. Non, a esquerda estatal de Pedro S. e Pablo I. nos amaña nada. Nen sequera saben tecer alianzas coas forzas territoriais para frear o tripartito da extrema dereita.
Ésta era a ocasión de enxergar con perspectiva, converxendo electoralmente BNG e En Marea na roga que lles ofertou CXG. Unha necesidade que tamèn observou a antiga deputada Alexandra Fernández. Mais non puido ser e foi erro de todos. Malia que non era doado, tendo en conta as feridas do próximo pasado e tamén a propia diverxencia dos actores políticos sobre o alcance e natureza dunha tal converxencia. Agora xa está. Deus nos libre dun xa foi. Despois deste ciclo electoral cumprirá construir o que é preciso e urxente.
Porén, a falla desta unidade galega non nos impide o voto máis útil para nós e os nosos. Votar polas cousas importantes, polas cousas de comer. Votar axenda galega, votando a opción das que deciden dende aquí máis acaída á nosa escolla.