Por Galicia Confidencial | Compostela | 16/04/2019 | Actualizada ás 14:00
As eleccións xerais do 28-A tamén dividiu ao independentismo galego. Así, mentres que Causa Galiza fai un chamamento aos independentistas a votar polo BNG nestas eleccións xerais por ser un voto “táctico e macizo”, Agora Galiza- Unidade Popular considera inútil apostar por esta formación por ser "monamente soberanistas".
Causa Galiza argumenta que tanto o bloque PP, Ciudadanos e Vox, coma o do PSOE con Podemos ou Ciudadanos, é un “modelo de Estado substancialmente idéntico nas questons nucleares: negaçom do dereito de autodeterminaçom, unidade xurídico-política, economía de mercado, integraçom na UE ou defensa dos intereses do IBEX”.
Ante a imposibilidade de articular unha proposta propia, considera que a presenza parlamentaria nacionalista e independentista no Congreso “alén de parar a soluçom fascista, pode colocar a autodeterminaçom no centro do debate, agudizar a crise e, incluso, bloquear a governabilidade e abrir novas xanelas de oportunidade”.
Esta formación independentista desbota neste momento a abstención para evitar que se conformen bloques “burgueses” ou “fascistas” na Cámara española. “Lançamos esta proposta à massa social independentista galega à vez que reclamamos a liberdade para todos os independentistas galegos presos, o arquivo definitivo da causa aberta contra doze militantes na Audiencia Nacional e o fim da excecionalidade repressiva que o Estado espanhol aplicou ao Independentismo Galego desde o minuto zero do regime de 1978”, conclúe.
"SOBERANISMO MORNO" DO BNG
Por outra parte, a outra formación independentista, Agora Galiza-Unidade Popular, non apoiará a ningunha formación. "Ou bem som candidaturas com o centro de gravidade fora da Galiza, empapadas de chauvinismo espanhol, ou bem som forças galegas de caráter interclassista e mornamente soberanistas”, di en alusión ao BNG.
"Salvo contadas exceçons, a totalidade das candidatutas que se apresentam na Galiza 28 de abril alimentam o ilusionismo eleitoral", engade. Así, a diferencia de Causa Galiza, di que "a principal tarefa da classe operária e do povo trabalhdor galego e contribuir para reconstruir a esquerda revolucionária galega, e levantar umha muralha de aço contra o fascismo, articulando um Bloco Popular Antifascista".
Agora Galiza - Unidade Popular mantivo nas últimas semanas unha disputa co BNG sobre o lema escollido, Agora Galiza, que este partido denuncia que xa foi utilizado por el nas eleccións de 2015.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.