Veciños de Teo reúnense co secretario xeral de Minas, agora investigado por presunta prevaricación

Representantes da Plataforma Casalonga Limpa de Residuos pediron acceso á documentación sobre o plano de restauración da canteira. Bernardo Tahoces comunicoulles que será entregada en dous días á Plataforma.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 22/04/2019 | Actualizada ás 20:19

Comparte esta noticia

Segundo os representantes da Plataforma “os acordos chegados na reunión da Plataforma coa Consellería de Industria  aumentan, no papel, o control das actividades da empresa Toysal na canteira da casalonga”. Aínda así, para a plataforma son insuficientes se se quere “evitar a formación dun vertedoiro encuberto”.

Manifestación contra o recheo en Casalonga Sdf. PLATAFORMA CASALONGA LIMPA DE RESIDUOS
Manifestación contra o recheo en Casalonga Sdf. PLATAFORMA CASALONGA LIMPA DE RESIDUOS

A reunión entre a Plataforma e o Director Xeral de Enerxía e Minas, Ángel Bernardo Tahoces e dous técnicos, transcorreu durante a mañá deste luns 22 de abril. Os representates da Administración galega informaron á Plataforma do recén aprobado “acceso ao expediente da canteira de Casalonga”. Este acceso fora xa demandado por parte do grupo veciños desde mediados de febreiro.  Os membros da Secretaría Xeral de Minas reunidos coa Plataforma, aseguraron que o expediente estará en posesión da asociación veciñal nun prazo de dous días.

A  documentación aportada só presenta “o novo Plan de Restauración da canteira pero non o Plan de Labores, documento imprescindible para que a Plataforma poida facer un seguimiento da actividade da empresa.” Os motivos apuntados son, segundo o comunicado da Plataforma “que Toysal se negou e a administración tivo que volver a tramitar a solicitude por non ver fundamento para tal feito”. Así, “a empresa ten 2 meses para poder recurrir esta decisión da Xunta. De non recorrer, o plan de Labores estará na man da plataforma nun prazo de 2 meses”.

O Director Xeral de Enerxía e Minas mostrouse “comprensivo co medo amosado pola veciñanza  a que a antiga canteira se encha de residuos coa súa restauración e comprometeuse a aumentar a vixiancia sobre a empresa”. Dita vixilanca aplicaríase de dúas maneiras “a primeira, obrigándoa a contratar un organismo externo encargado de controlar se os materiais que van a entrar na canteira son os axeitados para restaurala ou non e a segunda, obrigándoa a entregar un plan de seguimiento e vixiancia ambiental”.

Ante a insistencia da Plataforma sobre “a falta de viabilidade económica da explotación da canteira e a certeza de que esta explotación só é a tapadeira para encher o burato con residuos”, a mesma asociación apunta que a “Consellería de Industria lavou as mans indicando que non era da súa competencia se a empresa gañaba ou non cartos con esa actividade”.

Casalonga Limpa de Residuos entende que debería estar regulado por lei “a viabilidade económica dunha actividade para poder concederlle os permisos pois non é unha actividade inocua”. Tamén sinalan que “traerá perxuízos á veciñanza polas explosións contínuas, os movementos de terras, a contaminación dos mananciais e a destrución dun espazo xa restaurado de xeito natural, cheo de vida vexetal e animal”.

Ademais do xa explicado, houbo un terceiro compromiso por parte de Ángel Bernardo Tahoces, “obrigar á empresa a restaurar dende o primeiro momento co material que xa foi extraído da propia mina fai anos e que se atopa alí amoreado”. A Plataforma ve máis razonable que non se permita traer material externo á canteira para restaurala “nin ao principio nin ao final do proceso, pois co material alí existente e con algunha obra máis pódese obter un espazo seguro e limpo, máis acorde co espíritu dunha restauración”. 

Tamén piden un cambio lexislativo que vincule a opinión do concello e do tecido social da zona “á elaboración e aprobación dos plans de restauración das canteiras, pois actualmente é a empresa dona dos terreos e a Xunta quen decide como vai a quedar o espazo tras a súa actividade”. Insisten en que son os habitantes do concello os que finalmente van a disfrútalos ou padecelos e por tanto, debería ser determinante a súa opinión.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta