Unha multitudinaria manifestación apoiada por PP e Ciudadanos pide a continuidade de Ence na ría de Pontevedra

A protesta foi convocada polos comités de empresa da fábrica.

Por Europa Press / Redacción | PONTEVEDRA | 26/04/2019 | Actualizada ás 23:19

Comparte esta noticia

Unha multitudinaria manifestación percorreu este venres as rúas de Pontevedra en defensa da continuidade da fábrica de Ence en Lourizán ante o risco de peche que, a xuízo dos convocantes, existe despois de que a Avogacía do Estado desistise de defender ante a Audiencia Nacional a prórroga de 60 anos outorgada polo Executivo de Mariano Rajoy para que a pasteira siga ocupando o seu actual emprazamento en terreos de dominio público marítimo-terrestre en Lourizán.

Manifestación en defensa de Ence.
Manifestación en defensa de Ence.

A manifestación, convocada polos comités de empresa da fábrica, estaba encabezada por unha pancarta co lema 'Polo futuro industrial de Pontevedra Ence si'. Partiu, pasadas as 20,30 horas, desde a estación de Pontevedra ata a Praza de España, cunha parada ante a sede administrativa do Concello. Alí coreáronse consignas contra o alcalde, o nacionalista Miguel Anxo Fernández Lores. Segundo os convocantes unhas 15.000 persoas participaron na mobilización.

Entre os participantes atopábase o vicepresidente da Xunta de Galicia e presidente provincial do Partido Popular en Pontevedra, Alfonso Rueda, que estivo acompañado da alcaldesa de Marín, María Ramallo, e os portavoces populares en Pontevedra e Poio, Rafa Domínguez e Anxo Moldes, que tamén é portavoz do PP na Deputación. O Partido Popular portou a súa propia pancarta co lema "En defensa do emprego".

Tamén participou na manifestación a candidata de Ciudadanos por Pontevedra Beatriz Pino, que en nome da formación laranxa reclamou á empresa e á políticos "responsabilidade", xa que considera que "hai solución se todos pomos da nosa parte".

Ademais, secundaron esta mobilización o presidente da Confederación de Empresarios de Pontevedra (CEP) Jorge Cebreiros, o presidente da Cámara Oficial de Comercio de Pontevedra, Vigo e Vilagarcía, José García Costas, e o presidente da Federación Provincial de Confrarías, Manuel Rosas, entre outros colectivos. Igualmente había un numeroso grupo de representantes do comité de empresa de Ence na localidade asturiana de Navia.

MANIFESTO

Os representantes dos dous comités de empresa de Ence en Pontevedra (oficinas centrais e fábrica), Ignacio Acuña e Ana Cedeira, leron un manifesto no que agradeceron expresamente o apoio dado polas empresas auxiliares e as do sector madeireiro, así como asociacións e propietarios forestais, que acudiron este venres a Pontevedra para demostrar "a quen nos condenan ao peche", que "non só somos unha fábrica que está situada na ría, somos algo máis".

Así, rexeitaron as "decisións irresponsables" daqueles políticos "que só saben facer demagoxia" e que os "utilizan como arma electoral". "Condénannos a unha morte industrial e forestal en Pontevedra e Galicia enteira".

Os representantes dos comités de Ence lembraron tamén que hai uns días protestaron ante a sede do Partido Socialista en Madrid, pero "o presidente do Goberno do noso país non nos quixo recibir, fuxiu como un covarde".

"Non somos terroristas, somos obreiros", avisan a Pedro Sánchez, a quen alertan das "mentiras e argumentos falsos" do portavoz do PSOE en Pontevedra, Tino Fernández; da presidenta da Deputación, Carmela Silva, e a subdelegada do goberno, Maica Larriba "que lle lavan o cerebro con mentiras para que eles síganse beneficiándose politicamente", din.

Finalmente, proclamaron que "a loita obreira non a van parar" e que "hoxe é o principio de todo", xa que "Ence queda en Lourizán".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 6 comentarios

6 antón de guizán

E non estaba Yolanda Díaz ?

5 Su Señoría Deputada

Estaba Yolanda Díaz na manifestación dos seus compadres? A candidata cuneira de CC.OO. por Pontevedra que opina de Ence? Cando hai que mollarse, como boa trepa, escapa para poder estar no banquete coa patronal e enganar aos traballadores?... Mañá vai ser unha xornada excelente para ir á praia ou ao monte...

4 urco

PP e C's querem estragar o futuro da ria e a política forestal da Galiza polos interesses dumha empresa privada assentada ilegalmente em solo público. Já chegou coa broma! Fora Ence da ria!

3 Moi Cabreado cos aproveitados

Fascistas e antigalegos unidos, está claro onde debemos estar os demócratas..enfrente de todas as cousas que intentan enviarnos cara atrás e alonxarnos do progreso. Necesitamos despedir tanto aos mercenarios pagados que traballan para os corruptos e para ENCE como aos propios corruptos

2 Árde-lle o Carro.

Se Marcelino (Camacho) se ergue-se da súa tumba nn darí creto á dereiva das súas CCOO-Manos Límpias...nin á "clase obreira" abeirada co mais casposo do pro-capitalismo!!.