O Parlamento rexeita, cos votos en contra do PP, a ampliación dos contratos de prevención de incendios

A iniciativa de En Marea, pedía a creación de 30 prazas na Relación de Postos de Traballo de Medio Rural e Medio Ambiente.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 29/04/2019 | Actualizada ás 18:57

Comparte esta noticia

O Parlamento de Galicia rexeitou este luns, cos 38 votos en contra do Grupo Parlamentario Popular, fronte a 33 a favor da oposición, unha moción a iniciativa do deputado de En Marea Davide Rodríguez Estévez sobre a política laboral da Xunta de Galicia en relación co dispositivo de prevención e extinción de incendios forestais que recollía, entre outras cousas, a petición de aumentar a duración dos contratos do persoal de reforzo para a campaña do verán do devandito servizo dos tres meses actuais ata un total de nove meses.

Así, o deputado de En Marea pretendía que a duración destes contratos de reforzo do Servizo de Prevención e Defensa contra Incendios Forestais (Spdcif) se incrementen sobre os tres meses actuais, sendo equiparados cos traballadores, persoal laboral fixo descontinuo, ampliando a súa relación contractual a un total de nove meses.

Tamén instaba á Xunta a publicar de forma "inmediata" a modificación do decreto que regula o nomeamento de persoal interino para o desenvolvemento con carácter transitorio de prazas reservadas a funcionarios e a contratación temporal de persoal laboral da Xunta, "para que os traballadores de Seaga poidan competir en igualdade de condicións valorando a súa experiencia profesional".

En Marea tamén solicitaba a creación de 30 prazas na Relación de Postos de Traballo (RPT) de Medio Rural e Medio Ambiente na categoría de Axentes Forestais e Medioambientais "para reforzar as Brigadas de Investigación de IIFF", así como un financiamento "adecuado" dos concellos para que as brigadas e os bombeiros tivesen "unhas condicións salariais dignas".

No pleno, o deputado popular Moisés Branco reprochou a En Marea que "se preocupe polos incendios en Galicia", mentres que en 2017 en plena onda de lumes "a súa resposta foi porse as camisetas e as pancartas e comezar a pedir dimisións, mentres a sociedade preocupábase polo lume".

Pola súa banda, Rodríguez Estévez insistiu en que "o criterio de prescindir de persoal por razóns económicas cae polo seu propio peso" e asegurou que o operativo debería estar xa "ao 100%".

Así mesmo, o deputado socialista Raúl Fernández Fernández lamentou que "os incendios xa non entenden de tempadas" e que "son imprevisibles". "Este tipo de lumes xa están en Galicia para quedar", sinalou, unha liña similar á que mostrou o deputado do BNG, Xosé Luís Rivas Cruz.

Incendio en Invernadeiro
Incendio en Invernadeiro | Fonte: brigada e helicóptero de Vilamaior

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta