Toda a Cámara demanda que se manteña o emprego en Unitono e un estudo sobre a situación do telemárketing

Pide á Xunta que realice xestións e constituír unha mesa de traballo.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 30/04/2019 | Actualizada ás 14:34

Comparte esta noticia

Todos os grupos da Cámara galega pediron este martes -tras unha iniciativa do BNG transaccionada co PP- que se manteña o emprego de Unitono en San Cibrao das Viñas (Ourense). Así, a deputada do BNG Noa Presas expresou a "gran preocupación" existente entre os 131 traballadores de Unitono, que presta servizos de atención ao cliente para Naturgy, ante o risco de deslocalización.

Nesta proposta emprázase á Xunta a que realice xestións con Naturgy para esixir que se manteña carga de traballo. Ademais, chámase a constituír unha mesa de traballo con representación de traballadores, empresa e administracións. Finalmente, a iniciativa insta a realizar no actual período de sesións un estudo sobre a situación do sector do telemárketing en Galicia.

Neste sentido, Noa Presas remarca que o persoal é maioritariamente de mulleres e xa viviu un ERTE en 2013. Agora sofren unha caída de máis de 30.000 chamadas en marzo respecto de outubro, no que identifica cunha "deslocalización de manual", tras abrir en Reus unha plataforma que se encarga deste labor.

Os populares votaron en contra dun punto da iniciativa que demandaba que se garanta a atención en galego, unha cuestión que lle afeou a deputada nacionalista ao PPdeG, xa que é unha cuestión que está "no Estatuto de Autonomía".

A deputada do Bloque, que portou unha camiseta na que se podía ler 'Unitono non marcha de Ourense', ve un "escándalo" esta manobra de deslocalización a pesar dos beneficios de Naturgy. Por iso, reclama á Xunta que estea "á altura das circunstancias", mentres avisa de que o BNG "non vai permitir que isto só quede en palabras".

APOIO DO PP AOS TRABALLADORES

Pola súa banda, Marta Novoa (PP) mostrou o seu "pesar" pola situación destes traballadores "formados e moi solventes", polo que "non se entende, por tanto, o motivo da deslocalización oculta".

Ademais, a popular destacou a colaboración da Xunta para manter a actividade desde o "primeiro momento", á vez que sostén que "a lingua en Galicia non é un problema", senón que, ao seu xuízo, existe un "bilingüismo harmónico".

Noela Branco (PSdeG) aplaudiu ao comité de empresa "loitador e responsable", que convocou paros con "éxito" en abril, fronte á actitude "oscurantista e maliciosa" da empresa. Apunta que o persoal está altamente feminizada, cun salario entre 600 e 700 euros, unido a horarios cambiantes que lles impiden compatibilizar con outros empregos a pesar de só poder traballar entre 20 e 25 horas á semana.

Así mesmo, Paula Quinteiro (En Marea) resalta que "hai que pór unha solución para que Unitono non peche", pero tamén para "terminar coa precariedade". A este respecto, denuncia a situación "moi alarmante" no telemárketing en Galicia, que padecen "alta carga psicolóxica" e "salarios de miseria".

Naturgy (Gas Natural)
Naturgy (Gas Natural)

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta