Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 01/05/2019 | Actualizada ás 11:49
O Partido Socialista gañou as eleccións xerais nos concellos galegos gobernados polas forzas do cambio nunhas eleccións xerais que se celebraron a un mes das locais. Decara a esta cita coas urnas, o espazo rupturista competirá dividido en diversas localidades como o caso de Ferrol.
Deste xeito, os socialistas foron primeira forza en urbes como A Coruña, onde se fixeron co 32,9% dos votos, con 49.567 apoios. Nesta cidade, En Común Unidas Podemos foi terceira forza --por detrás do PP-- e alcanzou o 16,24% dos votos, con 24.429.
No caso da cidade herculina, o actual rexedor da Marea Atlántica, Xulio Ferreiro, descartou situarse a favor de ningunha forza política para as eleccións do 28 de abril despois da ruptura da unidade popular.
Este posicionamento tamén foi o mantido polo alcalde de Santiago de Compostela, Martiño Noriega (Compostela Aberta), que rexeitou facer público a súa preferencia para as xerais despois de que Anova --formación na que milita-- optase por non concorrer aos comicios ao non alcanzar un acordo con Esquerda Unida e Podemos para materializar a coalición.
Na capital galega, o Partido Socialista, que volverá presentar como candidato municipal ao que xa foi alcalde, Xosé Antonio Sánchez Bugallo, tamén se impuxo nas eleccións do domingo, co 29,4% dos votos e 17.606 apoios. Mentres que En Común Unidas Podemos foi a terceira forza --8.799 votos e o 14,6% dos votos--.
A diferenza de Ferreiro e Noriega, o alcalde de Ferrol, o militante de Esqueda Unida Jorge Suárez (Ferrol en Común) si se situou publicamente a favor da coalición En Común Unidas Podemos, que foi terceira forza nas xerais co 17,7% dos votos e 7.047 apoios. Nesta urbe, o PSOE tamén gañou o pasado domingo, con 12.857 votos e o 32,3%.
En Vigo, En Común logrou situarse como segunda forza con máis de dous puntos de vantaxe sobre o PP, aínda que a fortaleza do socialista Abel Caballero minimiza as posibilidades de Marea de Vigo para entrar nun futuro goberno. En Ourense e Lugo, a coalición de EU e Podemos quedou relegada ao cuarto lugar tras Cs, mentres que en Pontevedra alcanzou o terceiro posto tras PSOE e PP.
Fóra do ámbito urbano, o PSOE tamén se impuxo en gran parte das outras prazas galegas onde as forzas do cambio participan no goberno. É o caso dos concellos coruñeses de Vimianzo ou Teo, nos que os socialistas foron os máis votados mentres En Común quedou en terceiro lugar.
O RUPTURISMO PERDE A PRIMEIRA PRAZA EN CANGAS
Cangas, o municipio gobernado por Xosé Manuel Pazos (Son Cangas) e no que En Marea logrou ser a forza máis votada nas eleccións xerais de 2015 e 2016, cedeu esa primeira posición. Neste concello do Morrazo, o PSOE culmina o 'sorpasso' ás forzas do cambio e logra a vitoria por unha estreita marxe de menos de 100 votos sobre En Común Unidas Podemos, que de contar cos apoios solicitados por En Marea (341) sería a forza máis votada.
As tensións internas vividas no espazo político ao longo do últimos catro anos botaron por terra a pretensión de corrixir a coexistencia de varias candidaturas da órbita das mareas nun mesmo concello. Todo o contrario, xa que en 2019 só Santiago --Compostela Aberta--, A Coruña --Marea Atlántica-- e Vigo --Marea de Vigo-- terán unha única candidatura representativa do espectro da chamada 'unidade popular'.
DISTINTAS LISTAS
En Ourense haberá ata tres opcións políticas, as mesmas que en Ferrol ou en Lugo; mentres que en Pontevedra haberá dúas, como sucede noutras prazas como Vilagarcía de Arousa e unha vintena de municipios nos que competirán as candidaturas apoiadas por En Marea partido --a maioría baixo o paraugas de Mareas Locais-- e as impulsadas por Podemos, EU e Anova, que concorren baixo 'Son en Común'.
Con todo, existen excepcións locais que impiden a extrapolación dos bloques que permanecen enfrontados desde hai máis de dous anos no espazo da esquerda 'renovadora', que se aglutinaba no partido instrumental En Marea ata as pasadas eleccións xerais.
Por exemplo, en Vilagarcía, a novena vila con maior poboación de Galicia, Anova vai na mesma alianza que Podemos, mentres os socios 'naturais' do partido morado, Esquerda Unida, concorren ás municipais enrolados coa contorna de En Marea na lista de Vilagarcía en Común.
Outro caso é o de Ourense, onde compiten Podemos coa súa lista propia, Ourense Mellor co respaldo de En Marea e Ourense en Común, liderada por Martiño Xosé Vázquez e na que participan membros de Anova.
En Lugo tampouco houbo acordo entre Esquerda Unida e Podemos. Os primeiros concorren coa mesma fórmula e candidato que en 2015 --Carlos Portomeñe á fronte de ACE-- mentres o partido morado estará encabezado por 'Josito' Pérez. Na cidade natal de Villares, Lugonovo representa a opción do partido instrumental.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.