'Defende a Galega' fai chamamento aos cidadáns a "esixir" o seu dereito á información na entrega do Premio Couso

'Defende a Galega' recibiu neste 2019 o XV Premio Couso, concedido polos membros do Colexio de Xornalistas de Galicia, en recoñecemento aos "ideais" que perseguen coas súas accións de protesta dos denominados 'Venres Negros', dos que este 3 de maio cumpríase o número 50,.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 03/05/2019 | Actualizada ás 20:13

Comparte esta noticia

O colectivo 'Defende a Galega' recolleu este venres en Ferrol o XV Premio José Couso á Liberdade de Prensa, nun acto no que os integrantes deste movemento da CRTVG demandaron que os traballadores dos medios públicos poidan exercer a súa "profesión en liberdade" e apelaron aos cidadáns a "esixir o seu "dereito a estar informados".

'Defende a Galega' recibiu neste 2019 o XV Premio Couso, concedido polos membros do Colexio de Xornalistas de Galicia, en recoñecemento aos "ideais" que perseguen coas súas accións de protesta dos denominados 'Venres Negros', dos que este 3 de maio cumpríase o número 50, segundo puxo de relevo o decano do Colexio Francisco González Sarria.

Na recepción desenvolvida no Concello de Ferrol, previa ao acto de entrega no Teatro Jofre, o decano do Colexio enxalzou que "os profesionais da CRTVG perseguen coas súas mobilizacións dos venres os mesmos ideais que terían que vir de serie con cada medio de comunicación: servizo á cidadanía e información plural".

Tras lembrar que se cumpren "30 anos desde que un goberno galego estrease mandato con listas negras de xornalistas en radio e televisión públicas", manifestou a súa confianza en que "ese desexo de independencia do poder de quenda que tantas veces expresou o Colexio sexa un desexo de todos os cidadáns galegos".

En representación de 'Defende a Galega' acudiron á recepción celebrada no Concello de Ferrol Tati Moyano e Carlos Jiménez. Moyano puxo en valor que o colectivo reclama "cada venres" "algo tan revolucionario", como o cumprimento da Lei de Medios de 2011, que recollía algo "tan incontestable" como a creación dun Consello de Informativos como "ferramenta que axudase a velar e vixiar pola independencia, a pluralidade e a obxectividade da información".

Por este motivo, nesta xornada na que lembrou que se cumpren 50 xornadas dos denominados 'Venres Negros' que protagonizan traballadores da radio e a televisión pública, Tati Moyano valorou a importancia deste premio como "altofalante" para "trasladar aos cidadáns" as súas demandas, ante os "impedimentos" que perciben nos medios tradicionais "e mesmo na radio e televisión pública".

"Na radio e televisión de todos os galegos non temos espazo, pero cada día somos máis traballadores os que queremos exercer a profesión en liberdade", asegurou. Nun venres no que tamén se conmemora o Día da Liberdade de Prensa instou aos medios de comunicación galegos a facerse "eco" das problemáticas dos medios públicos galegos e non só dos doutros lugares do país.

"Os medios públicos galegos son os de todos vós e de todos os que queremos ter o dereito de estar informados, porque os cidadáns tedes que esixir o dereito a estar informados, como dereito fundamental", remarcou. Na mesma liña, Carlos Jiménez lamentou o "caso paradigmático" de que os profesionais da CRTVG que comparten os obxectivos de 'Defende a Galega' "non poidan contar" a recepción do Premio José Couso.

"Imos dirixirnos á cidadanía, debedes estender que existe Defende a Galega", fronte a "algúns que non o comprenden e seguen a manipular a información ou simplemente obviala", puntualizou. Pola súa banda, o alcalde de Ferrol, Jorge Suárez, comezou a súa intervención con palabras de recordo a José Couso, o cámara de televisión ferrolán que faleceu en 2003 polos disparos dun tanque norteamericano na "guerra inxusta de Iraq". O rexedor volveu a demandar "xustiza e reparación" pola morte de Couso, que "se limitaba a informar sobre o que ocorría nunha guerra inxusta e inmoral".

Pero Suárez quixo tamén destacar a "valentía" do colectivo premiado, e censurou que esta "décimo quinta edición" non se fixo " pública en informativos", no que percibe como unha "boa mostra de que hai unha guerra aberta entre poder establecido e traballadores valentes, é unha guerra colectiva que non só afecta a medios públicos senón tamén a privados". "As decisións sobre o que se informa vén decidida por oficinas de altos consellos de administración que nada teñen que ver coa información", concluíu.

Ao acto asistiron os representantes de todos os partidos políticos da Corporación, así como a presidenta do Club de Prensa de Ferrol e a representante de En Común Unidas Podemos Yolanda Díaz. Tras a recepción municipal, ás 19,00 horas realizouse a tradicional ofrenda floral na estatua 'Ás Ceibes' en Ferrol e, media hora máis tarde, o Teatro Jofre acolleu o acto de entrega do premio. No transcurso da gala, a xornalista Patricia Hermida deu lectura a un texto realizado en nome da organización do certame, que reivindica un xornalismo valente e feminista. 'Defende a Galega' sumouse á lista de gañadores do Premio José Couso, que nas últimas edicións recoñeceu a Julia Otero, Xosé Hermida, Miguel Anxo Aguilar e Jordi Évole.

'Defende A Galega' Recolle O Premio Couso Cun Chamamento Aos Cidadáns A 'Esixir' O seu Dereito Á Información
'Defende A Galega' Recolle O Premio Couso Cun Chamamento Aos Cidadáns A 'Esixir' O seu Dereito Á Información | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta