Así foi a eliminación dos "colaboracionistas" do bipartito na sanidade pública galega

O caso do doutor Víctor Pedreira, cesado polo goberno de Feijóo como subdirector xeal de Saúde Mental tras ser nomemado polo bipartito, e despois excluído dun posto gañado por exame de méritos, é un dos puntos que cuestionan a política sanitaria da Xunta. Nesta reportaxe tenta explicar o obscuro mundo do clientelismo que impera entre certos cargos da administración sanitaria galega.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 10/05/2019 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

A chegada de Núñez Feijóo á Xunta de Galicia viña precedida dunha fama de xestor gañada durante os anos que estivera no Goberno central á sombra de Romay Beccaría. Así, e decidido a levar adiante os mandatos neoliberais chegados desde Génova 13, baixo o influxo neoliberalizador dos servizos públicos, Feijóo non dubidou en aplicar as teses privatizadoras dentro da sanidade pública. 

Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra (CHUP).
Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra (CHUP).

Non lle doeu desfacerse de persoas que estiveran vinculadas a Manuel Fraga, algunhas mesmo recuncaran co bipartito. Mais a aplicación das reformas que tiñan pensadas os asesores económicos do PP, pedían directivos e directivas "mansos" coa man dura de Monte Pío e que a aplicasen sobre as persoas que tiñan ao seu cargo en diferentes áreas sanitarias. 

Era a primeira vez que se politizaba de tal maneira a sanidade co goberno de Feijóo, usaron técnicas diferentes, mesmo acoso que algúns non soportaron” di Víctor Pedreira, psiquiatra, antigo subdirector xeral de Saúde Mental e Drogodependencias co goberno bipartito. Cando quixo volver ao seu posto como responsable da área de saúde mental en Pontevedra, como el mesmo di “cesáronme como subdirector xeral pero tamén como xefe de saúde mental no hospital de Pontevedra”.

As acusacións de nepotismo e de eliminación, acoso ou mesmo desprezo cara profesionais da medicina cuxa traxectoria profesional non parece ter cabida no modelo sanitario da actual Xunta de Galicia, son moi frecuentes no ámbito sanitario. Algúns consideran que se trata dunha maneira de ter controlado o sistema por parte de afíns a un sistema ideolóxico determinado. Tamén hai voces que apuntan o resentimento e mala fe entre profesionais. Mais a politización é o punto apuntado pola maioría de quen decide enfrontarse ao sistema sanitario ideado desde o 2009 coa chegada de Núñez Feijóo ao goberno galego.

POLITIZACIÓN

“Estamos cansos de dicilo desde Batas Blancas, desde SOS Sanidade Pública, por primeira vez se politizou a xestión da sanidade pública que nunca se fixera desta maneira”, di o doutor Pedreira. Con todo, o realismo e o pragmatismo reinaba entre todos os cadros de persoal pois consideraban que se non todos, si a maioría de cadros directivos tiñan certa afinidade co goberno autonómico fose cal fose a súa cor.

Documento anónimo asinado por psiquiatras próximos ao PP, anos 90
Documento anónimo asinado por psiquiatras próximos ao PP, anos 90 | Fonte: Arquivo Galicia Confidencial

“Cando chegou Touriño mantivo no posto a varios xerentes que o foran xa con Fraga e que actuaran ben, como Caramés ou Soler”. Mais a chegada de Núñez Feijóo supuxo o cesamento de todos os xefes e os seus equipos, incluindo os que tamén foran xefes na época Fraga. “Fíxoo porque non quería contaminación socialista, mesmo hubo quen comentou que pasaba por seren colaboracionistas co PSOE”. O cambio nas cúpulas dos hospitais era e é unha práctica esperable, moitas voces dentro da sanidade consideran que non é necesario pero entenden que pode pasar.

O que si foi inusual é cesar o seguinte cadro de persoal, o xefes de servizo, que son cadros técnicos que non cambian porque son técnicos” di Víctor Pedreira. “Un xefe de servizo cando xa ten a súa praza, salvo un suceso grave ou non responda aos obxectivos que se lle piden, mantéñense”. Non obstante, as políticas de xestión da sanidade pública galega afectaron tamén á “mesoxestión sanitaria”, a xestión intermedia entre a xestión do goberno de turno e a micro xestión realizada por xefes de servizo de microáreas.

As fontes consultadas por Galicia Confidencial apuntan que para aplicar as políticas privatizadoras e de recortes, o executivo galego necesitaba xente dócil e afín aos seus dictámenes. Houbo casos que acabaron en simplemente apartar persoas que consideraban díscolas, o obxectivo era que non accedesen a postos de responsabilidade. Nalgúns sucesos, mesmo se tivo que recorrer ao Tribunal Superior de Xustiza de Galicia que obrigou repetir tribunais de avaliación por consideralos que non concorrían os requerimentos de imparcialidade e paridade, entre outros.

TRIBUNAIS DE AVALIACIÓN

Os xerentes das EOXI poden nomear parte dos tribunais de avaliación. Como cada catro anos os xefes de servizo deben pasar unha nova avaliación, “no caso de non ter cumprido cos obxectivos” e como apuntan as fontes consultadas para esta reportaxe, “se non segues as directrices marcadas polo xerente acósante laboralmente sen atender as túas demandas”. Así a xestión e bo facer do xefe ou xefa de área queda en entredito.

Tamén cando queda a praza libre por xubilación, traslados ou incapacidade, séguese o proceso colexiado segundo o decreto 206/2005, desenvolvido por unha orde de 2006, xa co bipartito. A composición dun tribunal de avaliación ten cinco membros; presidente e catro vogais. Teoricamente catro membros do tribunal son nomeados polo xerente e outro o Director Xeral de Asistencia do SERGAS, mais normalmente este director xeral delega no xerente o nomeamento desta quinta persoa.

Esta fórmula ten permitido o uso perverso dos tribunais como no caso de Víctor Pedreira, quen tivo que recorrer a formación de tres tribunais por defectos como falta de paridade ou que un dos membros non tiña o currículo axeitado para estar no tribunal.  “Na sentenza do xuízo ao que tiven que levar o SERGAS, dise que “parecera que o tribunal non queira nomear o mellor profesional senón o máis afín”, isto é terrible” afirma Pedreira.

POR QUE?

As diferentes versións recollidas por Galicia Confidencial consideran que a política de privatización da sanidade xunto cos recortes aplicados pola Xunta de Galicia desde 2009, buscaban en primeiro lugar, eliminar toda aquela posible “oposición” que viñese do mesmo sistema de sanidade pública. O segundo, buscábase así “liberar” o camiño para aplicar os recortes no SERGAS de cara a políticas que acababan en concertación con centros privados, recortes de servizos en Atención Primaria, externalización de servizos e recortes en investimentos.

Por outra banda, apúntase tamén que as diferencias na abordaxe facultativa de determinadas especialidade, estarían detrás de varios cesamentos a partir de 2009. Así, no caso da psiquiatría, a abordaxe actual, máis centrada no tratamento con psicofármacos e sen ter en conta o factor social e persoal, está enfrontada á visión máis ampla que considera o fármaco como unha vía que precisa tamén dun equipo multidisciplinar que axude á persoa.

“A finais dos anos 90 houbo un documento anónimo enviado por psiquiatras que se autodenominaban simpatizantes e militantes do PP, que acusaba de “roxos” ás persoas que daquela eran xefes de servizo” di Víctor Pedreira. “A Manuel Fraga ata certo punto tanto lle tiña o que pensaras, el quería que os sistema sanitario galego fose dos mellores”.

Cando se pregunta por que agora as cousas son tan distintas, parte das persoas consultadas para esta reportaxe falan dun “sectarismo” exacerbado por parte do executivo presidido por Núñez Feijóo. A política que se segue desde a Xunta busca unicamente satisfacer unhas determinadas políticas baseadas no beneficio e non en prevención e universalidade sanitaria gratuíta.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Gamela

os que están a dar pasos na boa dirección son os 23 xefes de servizo demisionarios da área de Vigo, que coa súa xusta reclamación están a destapar o que xa todos sabiamos: que as listas de agarda están sendo recortadas mareando aos pacientes para que algúns privilexiados sexan derivados á sanidade privada concertada polo Sergas! Dignidade Atención Primaria A folga de dous días que teñen programada sen que os Sindicatos Vendidos podan paralizala novamente debera facernos pensar que este NEGOCIO é algo que contamina a moitos máis que aos directivos do Sergas !!! https://youtu.be/e85k0DfROJk Cómpre dicir basta xa !!!