Os galegos escollerán a 45 edís menos que en 2015 pola caída demográfica

Un total de 21 concellos perden 51 representantes, a maioría en Ourense, e en San Cibrao e Foz aumentan dous e catro os edís.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 11/05/2019 | Actualizada ás 11:16

Comparte esta noticia

Galicia sairá das urnas o próximo 26 de maio cun total de 3.721 concelleiros, de entre os que se escollerán aos 313 alcaldes ou alcaldesas para os outros tantos municipios, un menos que nos comicios de 2015 pola fusión entre Cerdedo e Cotobade, na provincia de Pontevedra.

A caída demográfica, sobre todo na zona interior de Galicia, é a causante de que en 21 concellos elixan 45 edís menos que nas municipais de fai catro anos, cando xa se perderon outros 45 concelleiros con respecto a 2011 (ano no que os concellos de Oza e Cesuras eran dúas corporacións independentes). Tamén na cita do próximo mes de maio haberá un concello menos, pola fusión de Cerdedo e Cotobade, na provincia de Pontevedra.

Con todo, dáse a circunstancia de que o número de electores creceu con respecto ás municipais de fai catro anos. Son un total de 2.248.613 galegos os que están chamados ás urnas --dos cales 9.247 son estranxeiros--, o que supón 36.128 cidadáns máis que en 2015.

Así as cousas, o próximo 26 de maio caerán 51 representantes locais en 21 concellos, soamente compensados polo seis que soben en San Cibrao das Viñas (+2) e Foz (+4), nas provincias de Ourense e Lugo, respectivamente. Tal e como se desprende dos datos solicitados por Europa Press do Instituto Nacional de Estatística (INE), no conxunto de Galicia haberá 45 representantes políticos menos.

OURENSE, A QUE MÁIS PERDE

A provincia de Ourense é a que acusa a maior perda de representantes municipais pola sangría poboacional no interior, de maneira que, fronte aos 900 edís que saíron das urnas en 2015, agora farano 876. Son doce os municipios que perden 26 concelleiros, compensado por San Cibrao das Viñas, onde se gañan dous e de aí o diferencial de 24 edís menos.

Concretamente, caen dous edís os municipios de Lobios, Verea, Beariz, Baltar, A Merca, Vilamarín, O Bolo, Arnoia, Avión, Oímbra e Vilardevós. Pola súa banda, en Xinzo de Limia perdéronse catro concelleiros.

Na provincia de Lugo, onde se elixen 727 concelleiros --catro menos que os 731 de 2015, perde catro representantes o concello de Ribadeo; mentres que sobe ese mesmo número o próximo municipio de Foz. Mentres, en Xermade e en Ribas de Sil perderon dous edís cada un.

Mentres, a provincia de Pontevedra, en que se escollen 879 edís, deixouse un total de 11, fundamentalmente pola fusión de Cerdedo e Cotobade. O primeiro deles, o máis pequeno en poboación, tiña 11 edís que decaen por completo; mentres que o novo concello fusionado, con centro en Cotobade, mantén os 11 deste municipio e suma outros dous polo aumento poboacional derivado da unión (alcanzáronse os 5.815 habitantes), un 'baile' de concelleiros fai un total de 13 edís para a nova corporación local.

Ademais, os concellos pontevedreses da Illa de Arousa e de Meis perderon dous concelleiros cada un, ao pasar de 13 a 11 edís cada unha das súas corporacións locais.

A CORUÑA, A QUE MÁIS EDÍS TEN, PERDE SEIS

O caso da provincia da Coruña, con 1.239 edís que sairán das urnas, tamén se perden concelleiras, un total de seis.

Concretamente, trátase dos municipios de Aranga e Monfero, que dunha corporación de 11 quedarán con 9 representantes; e de Muxía, onde sairá o 26M un concello máis pequeno con 11 edís fronte aos 13 que aínda conserva.

Eleccións muncipais /  EUROPA PRESS - Arquivo / Europa Press
Eleccións muncipais / EUROPA PRESS - Arquivo / Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta