Por Brais Nogueira | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 18/05/2019 | Actualizada ás 22:00
Durante os últimos anos foron habituais grandes mobilizacións de eido estudantil, dende as multitudinarias protestas contra a LOMCE en Ensino Medio, como a nivel universitario. Exemplo paradogmático foi unha histórica manifestación en Santiago de Compostela no 2017 que ateigou a Praza de Quintana ao nivel das grandes mobilizacións galegas.
Nese contexto nace a Asemblea de Investigadoras de Compostela (AIC), que botou a andar nese curso -o 2016/2017- “por uns cambios de códigos no contrato para o colectivo predoutoral”, explica Alejandro Vilar, doutorando en Física de partículas. A partir de aí, déuselle continuidade ao espazo para reivindicar as problemáticas comúns “de todo o colectivo investigador”. Sabela Mallo, investigadora de Psicoloxía indica que a Asemblea está aberta a “calquera persoa”, reivindicando o seu carácter aberto como organización.
Aínda que as accións máis vistosas da AIC concéntranse nos últimos meses, a súa actividade é moito máis antiga. “Por exemplo o ano pasado reunímonos coa Secretaría Xeral da Universidade para tratar o tema das axudas predoutorais, onde había unha serie de irregularidades incluso na propia convocatoria. Tamén reivindicamos a apertura de cursos de innovación docente ao noso colectivo e estamos satisfeitos porque a Universidade está dando pasos para solucionar o problema”, sinala Vilar.
UN COLECTIVO COMPLEXO
Dentro do colectivo predoutoral, tal e como se encargan de sinalar os membros da AIC, hai diferentes subcolectivos. Existen persoas que investigan por proxectos e outros a partir de axudas públicas, que poden vir tanto da Xunta como do Goberno Central. O segundo grupo “está a cobrar menos e non está a poder acceder aos aumentos salariais que ten previsto á USC para os seus traballadores e non tiñan dereito a indemnización por final de contrato”. Fala en pasado porque fai unhas semanas o TSXG sentou xurisprudencia sobre que, efectivamente, si que é un dereito que ten o seu colectivo,
Ademais, hai un terceiro sector: aqueles non teñen contrato e que en palabras de Vilar: “viven condicións moi precarias”. Mallo sinala que a USC entende que estas persoas están a “traballar gratis porque os considera estudantes, pero realmente non o son porque están a facer unha produción científica que lle conta á USC a todos os niveis como se viñera doutra calquera outra fonte”.
O reclamo destas reivindicacións tivo o seu cumio o 28 de febreiro cando se organizou en fronte de reitoría unha concentración multitudinaria. Ademais, todos as semanas levan a cabo os “Martes Negros”, onde van vestidos cunha camiseta dese cor na que se pode ler “Por unha USC digna” e que admiten que tivo unha clara inspiración nos Venres Negros de Defende a Galega.
O seu obxectivo con esta campaña era pretender que a comunidade universitaria fose consciente da situación pola que pasan os investigadores “e iso pensamos que o conseguimos”, sinala Vilar. Actualmente levan vendidas unhas 300 camisetas que “a nivel Compostela é un número moi alto” e teñen intención de continuar coa iniciativa.
“A ACTITUDE DA UNIVERSIDADE É DECEPCIONANTE”
Os membros da AIC cualifican os movementos para solucionar a situación por parte da USC como “moi deficientes”. Vilar é moi crítico coa actitude da universidade: “Todas as reunións que puidemos ter coa Xerencia da Universidade non se materializaron e ningunha proposta pola súa parte, cousa á que se comprometeron. Xa pasaron dous meses dende a última reunión e nin nós nin os sindicatos sabemos nada”.
“Ademais, hai actitudes canto menos decepcionantes”, continúa Vilar. “Tras a resolución do TSXG sobre a indemnización de despido, recorrérona ao Supremo. Iso non é tentar solucionar as cousas, é ter vontade de poñer atrancos”, asevera. “A USC alega que non hai cartos, pero tampouco lle vemos ningunha estratexia para modificar esa ausencia”, observa Mallo. Ademais, sinalan que ata o ano 2016, si que se pagaban con cartos provenientes integramente da Universidade.
Tamén denuncian que a USC non está a cumprir con outras obrigacións, como o Estatuto de Persoal Investigador en Formación, aprobado polo Goberno Central a modo de Real Decreto en marzo. Dende a AIC consideran que non acada as súas demandas pero que “mellora un pouco a situación, como por exemplo un aumento de soldo nos últimos anos do contrato predoutoral que non se está a cumprir a día de hoxe. Isto xa é ir contra lei, é gravísimo”. Se isto segue así consideran a posibilidade de artellar accións a nivel estatal con outras universidades na mesma situación.
APOIO DOUTROS SECTORES
Pódese observar un apoio á AIC dende sectores alleos ao seu campo. Para Mallo, “hai moia xente que se está a dar conta de que temos unha situación moito máis precaria do que eles tiñan en mente”. Vilar apunta que “aínda que non fose un colectivo moi representado na mobilización” teñen “unha certa simpatía” de gran parte do colectivo docente dentro da USC porque “son conscientes do que está a pasar”.
Tamén se sumou dun xeito moi notable o alumnado da universidade e non é nada estraño atoparse persoas coa camiseta dos Martes Negros por calquera esquina de Compostela. Un deles é Bruno Arias, estudante de Comunicación Audiovisual. “Nos últimos meses asistimos a unha avalancha de apoio dende todas as esferas do estudantil. Puiden ver a moita xente diante do reitorado que nunca asociaría a ese tipo de mobilizacións”.
Arias entende que isto ven motivado porque a AIC “reivindica dereitos laborais básicos”. Ademais, considera que é moito máis grave ao tratarse da Universidade pública, un órgano que para el “debería ser vangarda cultural e intelectual do noso país”. En síntese, para el demostra o “importante que é organizarse e crear comunidade” en torno ás problemáticas que acontezan e que a maior ensinanza que deixa a Asemblea de Investigadoras é como “as cousas poden funcionar máis aló de intereses partidistas”.
A Asemblea tamén logrou tamén o apoio dos diferente sindicatos. “Isto é moi relevante porque se non, a USC negábase a establecer unha mesa de negociación sobre o tema, e soamente puidemos ir e expoñer o noso problema, porque os sindicatos o consideraron necesario”, sinala Vilar. Pola súa banda, Mallo agradece o apoio de todos os colectivos e sinala que todo isto “axuda a lograr cada vez máis presión” para poder satisfacer as súas reclamacións.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.