Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 18/05/2019 | Actualizada ás 19:58
Agustín Hernández, comprometeuse a desenvolver un Plan especial de revitalización comercial para o núcleo histórico e á redacción dun programa específico para a área comercial do Ensanche, se goberna tras o 26 de maio. Hernández, acompañado do seu equipo, percorreu ambas as zonas para explicar aos comerciantes santiagueses as medidas que se inclúen no seu programa para este sector.
O candidato do PP considera necesaria a dinamización do comercio, co obxectivo de levar a cabo un desenvolvemento da economía da cidade, para o que avoga por conseguir un "equilibrio entre as grandes superficies xa instaladas" e os pequenos establecementos.
Para iso, comprometeuse a elaborar un Plan urbanístico de usos comerciais, co fin de concretar o modelo comercial da cidade e alcanzar o fortalecemento da concepción das distintas áreas como centros dinámicos de prestación de servizos, así como o uso de locais baleiros para actividades efémeras.
Así mesmo, propón establecer medidas de asesoramento para os titulares de negocios, para contribuír ao seu mantemento, sobre todo, na zona histórica e para minorar o impacto de obras urbanísticas no ámbito comercial. Por outra banda, o programa de Hernández tamén aposta por potenciar a praza de Abastos, como un espazo singular na oferta de produtos de proximidade e centro de atracción turística e gastronómica.
Por iso, incentivarase a posta a disposición de emprendedores de locais comerciais baleiros e medidas que faciliten a transmisión comercial de negocios xa en funcionamento, ademais de potenciar o comercio especializado urbano de calidade.
Outro dos obxectivos do PP será levar a cabo un programa específico para o sector artesanal da cidade e facilitar a implantación de empresas, ademais de fomentar o recoñecemento da excelencia comercial, a través de incentivos e potenciarase a formación e a reciclaxe do sector.
Finalmente, os populares anunciaron que apoiarán o tecido asociativo de comerciantes, a implantación de procesos de participación cidadá e melloras dos comercios situados ao longo da rúa San Francisco, paliando as barreiras arquitectónicas existentes, entre outras medidas.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.