Oliver Laxe estrea este martes no Festival de Cannes 'O que arde'

A obra, que reflexiona sobre a problemática dos incendios forestais en Galicia, concursa na sección 'Un certain regard'.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 20/05/2019 | Actualizada ás 13:16

Comparte esta noticia

O director galego Oliver Laxe (París, 1982) estrea este martes, 21 de maio, no Festival de Cannes a súa nova obra, 'O que arde', que concursa no marco da sección 'Un certain regard'. Este é a terceira longametraxe do director, un filme rodado nos montes dos Ancares no que se reflexiona sobre a problemática dos incendios forestais que vive Galicia, a piromanía e as relacións veciñais.

A película conta como Amador Coro sae de prisión tras ser condenado por provocar un incendio. Regresa ao seu pobo, illado nas montañas, no máis profundo da Galicia rural, onde vive coa súa anciá nai, Benedicta, e tres vacas. As súas vidas transcorren lentamente, ao ritmo apracible da natureza ata o día en que o lume aparece para devastar a zona.

Laxe compite na sección 'Un certain regard', que conta con 18 películas, xunto a directores como Albert Serra (que presenta 'Liberté'), Bruno Dumont ('Jeanne') ou Christophe Honoré ('Chambre 212'). Con guión do propio Laxe con Santiago Fillol, a fotografía corre a cargo de Mauro Herce. A película está protagonizada por actores amateur como Amador Arias e Benedicta Sánchez.

'O que arde' é unha coprodución de España, Francia e Luxemburgo, na que participa a galega Miramemira. Conta co apoio de Agadic, TVG e Deputación de Lugo, entre outras.

TRAXECTORIA DE ÉXITO EN CANNES

As dúas anteriores películas de Oliver Laxe xa foron galardoadas no festival francés. Coa súa ópera prima, 'Todos vós sodes capitáns' (2010) levou o Premio Fipresci da Quincena de Realizadores de Cannes. Así mesmo, co seu segundo filme, 'Mimosas' (2016), conseguiu o Gran Premio da Semana da Crítica.

Pola súa banda, 'O que arde' estréase este martes con pase co equipo ás 11,00 horas na sala Debussy. Posteriormente, haberá outra proxección ás 14,00 horas. Xa o mércores, 22 de maio, será a última oportunidade para ver a película (dunha hora e 25 minutos de duración) en Cannes, na sala Bazin (21,00 horas).

Escena de 'O que arde', de Oliver Laxe. MIRAMEMIRA - Arquivo
Escena de 'O que arde', de Oliver Laxe. MIRAMEMIRA - Arquivo | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta