Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 20/05/2019 | Actualizada ás 19:51
O ex secretario xeral do PSdeG-PSOE e actual líder de Espazo Común e candidato á alcaldía do Carballiño, Pachi Vázquez, apostou este luns pola integración dos emigrantes venezolanos retornados con medidas "concretas", así como coa creación dun departamento específico de apoio e integración no municipio ourensán.
"A candidatura de Espazo Común no Carballiño está a apoiarse nun grupo de traballo representativo deste colectivo para coñecer de primeira man as perspectivas e a realidade dos emigrantes venezolanos retornados", asegurou a organización política nun comunicado.
Desta maneira, Pachi Vázquez considerou "fundamental" atender unha realidade que afecta os emigrantes retornados no Carballiño, "moitos deles fuxindo dunha situación de extrema gravidade en Venezuela", e ofrecer medidas concretas para unha integración absoluta do pobo venezolano.
Nunha carta formal, enviada a eses colectivos, expresou a súa "aposta decidida" pola integración "efectiva" do pobo venezolano, e pediu o voto a todos eles.
"Asumo o compromiso de escoitar e facer o que estea nas miñas mans para que poidan ter un futuro aquí que satisfaga as súas necesidades e aspiracións", relata Pachi Vázquez no texto.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.