Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 23/05/2019 | Actualizada ás 17:13
O robot co que Democracia Ourensá pedirá o voto no que resta de campaña electoral xa está nas rúas da cidade das Burgas, onde iniciou o seu labor electoral animando a "botar a Baltar da Deputación" e ao berro de "fóra caciques".
Foi o líder da formación e candidato á Alcaldía, Gonzalo Pérez Jácome, o encargado de presentar de forma oficial ao humanoide, que pedirá o voto para Democracia Ourensá na rúa do Paseo, e fíxoo coa advertencia: "O futuro xa chegou, o futuro xa está aquí". Este robot, explicou, responde o nome de Pepe e a súa presenza vai parella á proposta de Democracia Ourensá de "construír un Centro de Innovación de Intelixencia Artificial na cidade".
Este xoves, durante a súa presentación en sociedade, o robot non só bailou a canción de campaña de Democracia Ourensá, senón que tamén ha traslado as súas primeiras palabras, facendo uso das emocións que se lle poden programar grazas á intelixencia artificial.
PROPOSTAS DE DO
"A calor de Ourense é insoportable", comezou a dicir Pepe, que debe estar baixo unha carpa protexido da luz do sol directa. Por iso, reclamou un "parque acuático xa", en alusión á segunda medida estrela de Democracia Ourensá. "Estou triste, a cidade está sucia", continuou o humanoide, con xesto de pesar, tras o que recitou un dos eslóganes de campaña da formación: "Ourense necesita un cambio e se non é agora cando? E se non é DO quen?"
Con todo, como se puido ver na súa primeira 'xornada laboral', isto non é o único que Pepe está programado para dicir. O robot comparte co líder de Democracia Ourensá que "estas eleccións son tamén o fin da época Baltar". "Podemos botar a Baltar da Deputación", dixo, tras o que clamou: "Fóra caciques".
Neste contexto, continuou expresando algún dos obxectivos básicos da formación: "Son un robot pero non son parvo. Sei que os nenos necesitan mellorar os parques, xogos e campamentos. O deporte tamén é imprescindible para vós, humanos", engadiu.
"ÍMONOS A RIR DE ABEL CABALLERO"
Pola súa banda, durante a rolda de prensa para a presentación do robot, José Miguel Caride, de Democracia Ourensá, dixo que isto é "só un pequeno botón de mostra" do que pode facer a formación "se o luns entra pola porta do Concello de Ourense e goberna". "Ímonos a rir de Abel Caballero, imaxinádevos o que van ser as festas de Ourense e o nadal grazas a Pérez Jácome", subliñou.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.