Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 24/05/2019 | Actualizada ás 13:42
O portavoz de En Marea, Luís Villares, asegurou que a súa formación aspira a "manter" os gobernos naqueles concellos nos que teñen "responsabilidade" de goberno e "ampliar" a representación institucional nas administracións locais nas que En Marea aínda non ten presenza ou está na oposición.
Así o destacou nunha rolda de prensa ofrecida este venres xunto á candidata de Compromiso por Europa ao Parlamento Europeo, Lídia Senra, na que destacou que nas eleccións locais que teñen lugar este domingo preséntanse "40 novas mareas municipais" que optan a representación.
"Para nós sería un bo resultado alcanzar representación nelas", explicou o maxistrado lucense en excedencia, que subliñou a "esperanza" posta nos pobos medios, nos que, conforma apuntou, "fíxose un gran traballo" que espera que de "bos resultados".
Todo iso nunha rolda de prensa na que Luís Villares fixo un chamamento aos galegos. "Cando o domingo a xente vaia a votar, que escolla a papeleta das mareas para os municipios e para Europa, porque a suma desas dúas papeletas será a garantía da firme defensa dos nosos intereses", apuntou.
Precisamente, neste punto, destacou o papel decisivo das mareas municipais. "Non nos presentamos como un proxecto colateral. Queremos ser o proxecto central que vehícule as demandas das clases medias e das rendas baixas", indicou.
Ademais, subliñou que En Marea non veu á política a ser "un simple apéndice pola esquerda do PSOE, un Pepito Grilo que lle lembre que debe facer política de esquerda". "Vimos ser unha alternativa integral, a forza maioritaria que mereza a confianza da poboación de cada localidade", manifestou.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.