A Xunta participa nun proxecto europeo para a transformación dixital do sector lácteo

A iniciativa pretende acelerar a transformación dixital do sector agroalimentario, especialmente o lácteo.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 26/05/2019 | Actualizada ás 12:57

Comparte esta noticia

O Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM) participa nun proxecto europeo de innovación que pretende acelerar a transformación dixital do sector agroalimentario, especialmente o lácteo.

Vacas. Foto de arquivo
Vacas. Foto de arquivo | Fonte: Galicia Confidencial

O obxectivo da iniciativa é "implementar melloras en todos os pasos da cadea de produción primaria de leite, desde a produción de forraxe ata a mestura e manexo do alimento, pasando pola planificación xeral de recursos e por operacións nas cuadras", segundo explicou a Consellería do Medio Rural mediante un comunicado.

Para iso, aproveitaranse os beneficios das tecnoloxías dixitais de cinco pemes que proporcionarán produtos e servizos a gandeiros, agricultores e cooperativas, coa colaboración da USC e de Gradiant.

Así, tentarase mellorar a eficiencia na utilización dos recursos para a produción de forraxe e a optimización do uso dos recursos propios das explotacións agrícolas. Ademais, preténdese incrementar o rendemento da produción animal a través da mellora das condicións de cultivo, coa optimización da mestura de alimento e a alimentación de precisión.

AUMENTAR A SUSTENTABILIDADE

Outro dos obxectivos é o de aumentar a sustentabilidade do proceso, de maneira que se incremente a inxesta de precisión para reducir a perda de alimento e que se mellore o uso dos recursos naturais, mediante a utilización intelixente dos abonos líquidos para minimizar as emisións de gases de efecto invernadoiro á atmosfera, ao chan e aos cultivos.

Tamén se traballará na mellora da monitorización e no manexo das operacións e condicións das cuadras, así como na optimización da toma de decisións mediante a integración de múltiples fontes de datos en planificación de recursos.

Entre as actividades previstas, está a utilización de imaxes multiespectrais e da sensorización para a predición da produción e o contido en proteína de cultivos como o millo.

Por último, probarase e demostrará a dispoñibilidade de produtos e servizos mellorados en condicións reais e sitios específicos (o propio CIAM, o Campus Terra e explotacións leiteiras en condicións reais de traballo)

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta