Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 26/05/2019 | Actualizada ás 14:10
Os nove gañadores do tres categorías do II Concurso de microrrelatos, organizado pola Real Academia Galega (RAG) e PuntoGal, darán a coñecer os seus relatos durante a entrega dos galardóns que terá lugar este próximo luns 27 de maio no salón de actos da Academia (A Coruña).
Os presidentes das institucións involucradas, Víctor F. Freixanes e Manuel González González, entregarán os premios nunha celebración na que tamén participarán os demais membros do xurado; a académica Mercedes Queixas; o director xeral de PuntoGal, Darío Janeiro e a xornalista Valeria Pereiras.
Os microrrelatos gañadores, seleccionados de entre preto de 500 propostas, poderán lerse tras a entrega dos premios nunha publicación dixital que estará dispoñible nas webs das dúas entidades convocantes.
GAÑADORES E PREMIOS
A psicóloga e logopeda, Jessica Rodríguez Sánchez, veciña de Visantoña (A Coruña) de 35 anos, gañou o primeiro premio na modalidade de adultos cun relato titulado "A fiestra". En canto á modalidade xuvenil, o premio foi para "Cazaría nocturna", de Óscar Fernández Freire, coruñés de 17 anos. E o premio infantil recibiuno Claudia Martínez Asenjo, de 11 anos, con "O valor dos nomes".
Na modalidade de adultos, o segundo premio foi para "A primeira palabra", texto presentado pola química e divulgadora científica Ángela Arnosa Prieto, de 22 anos. O terceiro galardón foi para "Black Friday", de Eduardo Cameselle Igrexas, vigués de 75 anos.
Martina Lois Cuns, estudante de bachilleraro no Colexio La Salle de Santiago de Compostela, recibiu o segundo premio na modalidade xuvenil por "Un día máis" e Cristina Fojo Rubio, alumna do Colexio Calasanz Pais Escolapios da Coruña, o terceiro con "O amigo mar".
O xurado tamén premiou co segundo e terceiro premio da modalidade infantil aos relatos "A fada Every", de Alba Díaz Mera e "O can enxesado", de Pablo Mirás Sánchez.
O nove persoas premiadas recibirán diferentes premios de perfil tecnolóxico e, no caso dos primeiros e segundos premios de cada categoría, un dominio '.gal' durante un ano.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.