Feijóo saca peito no Parlamento reivindicando o "mellor resultado" do PP en Galicia

A oposición asegura que as eleccións deixan unha "mensaxe de cambio" en Galicia e afean a súa falta de peso no PP de Madrid.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 29/05/2019 | Actualizada ás 16:32

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta e líder do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, reivindicou os resultados alcanzados pola súa formación en Galicia nas últimas citas electorais e avisou tamén aos seus rivais políticos da Cámara galega de que os votantes "distinguen" entre comicios.

"O PP en Galicia foi o que menos baixou de todo o PP de España e o PP de Galicia, nas eleccións xerais, foi o que obtivo o mellor resultado de todo o PP en España", deixou claro o máximo mandatario autonómico durante a sesión de control deste mércores e en resposta a unha pregunta formulada polo portavoz parlamentario do PSdeG, Xoaquín Fernández Leiceaga, a quen trasladou que os socialistas "perderon" as locais deste domingo en Galicia.

No seu discurso, Feijóo instou aos socialistas a "non subestimar" aos galegos. "Saben perfectamente distinguir como votan, a quen votan e de que se trata. Por iso, non subestime a intelixencia dos galegos e deixe que elixan o presidente da Xunta no próximo ano 2020", expresou en referencia ao exercicio no que se celebrarán as eleccións á Presidencia do Goberno galego.

Todo iso nunha intervención na que, dirixíndose á bancada socialista e á nacionalista, asegurou que "se fosen un pouco máis humildes" as súas formacións "terían un pouco máis de posibilidades". "Aos galegos gústalles máis a humildade que a soberbia e, por iso, nós somos humildes aínda cando gañamos", incidiu.

"Respectamos os resultados electorais (en referencia aos do PP): gañar en tres provincias de catro, en tres deputacións de catro, empatar co PSOE en número de cidades como lista máis votada vostedes interprétano como unha gran vitoria do PSOE. Nós interpretamos o resultado das municipais como unha gran mensaxe para seguir traballando cara ás eleccións autonómicas do ano 2020 e, entón, valoraremos eses resultados", apuntou.

DIFERENZAS CON CASADO

En fronte, o portavoz parlamentario do PSdeG, Xoaquín Fernández Leiceaga, considerou que os resultados dos comicios deixan unha "mensaxe diáfano" para o PP, que "perdeu 200.000 votos e a hexemonía política nas xerais --73.000 só nas cidades--". "Perdeu as eleccións europeas con rotundidade e deixouse no camiño municipal concelleiros e alcaldes", apuntou o socialista, que instou ao presidente a "recapacitar" e "corrixir" as súas políticas.

Neste sentido, advertiu a Feijóo do "rotundo rexeitamento" ás políticas do Goberno galego por parte da Galicia urbana onde, previsiblemente, "ningún do cinco conselleiros que mandou a baterse á area local vai gobernar". "Levante vetos e barreiras, axude a construír e non a bloquear, sen sectarismos, tendo en conta a realidade social e política, agora que hai unha nova etapa de goberno", reclamou.

Ademais, o portavoz parlamentario do PSdeG referiuse ás "diferenzas" que, na súa opinión, existen entre a dirección do PP en Madrid e Feijóo, que resumiu cun símil futbolístico. "Vostede non quixo ser xogador franquía, pasou a ser adestrador e quere que aquel que está empeñado en xogar na extrema dereita xogue de medio centro, e non ten habilidades para facelo", trasladoulle.

Precisamente, este asunto tamén foi abordado polos portavoces de En Marea e do BNG. Así, en primeiro lugar, Luís Villares (En Marea) preguntou "quen manda no PP". "A extrema dereita ou a extrema precariedade de Feijóo?", cuestionou o maxistrado en excendencia nunha interpelación na que lle afeou ao presidente os recortes na sanidade pública.

Tras iso e durante un debate no que Ana Pontón (BNG) denunciou a "falta" de política social e de vivenda do Executivo de Feijóo, a nacionalista trasladou ao presidente que "hai medidas que se poden impulsar pero, para iso, ten que ter a cabeza en Galicia e non en salvar os mobles do PP despois das sucesivas desfeitas electorais".

"Entendo que estea preocupado porque vai ter que render contas dentro dun ano e non ter política de vivenda pública vaille a pasar factura", argumentou para ironizar sobre a escasa influencia que ten ante Pablo Casado e o xiro ao centro: "Son as consecuencias de anos de submisión", sinaloulle.

LISTA MÁIS VOTADA

Durante o seu debate con Leiceaga, Feijóo aproveitou para felicitar a "todos os candidatos que gañaron as eleccións" e, especificamente, aos da súa bancada: a aspirante na Coruña, Beatriz Mato; o de Ferrol, José Manuel Rey; e o de Ribadavia, César Fernández Gil. "Gañaron as eleccións", puxo en valor.

AV.- Pleno.- Feijóo reivindica os resultados do PPdeG: 'Foi o que obtivo un mellor resultado de todo o PP de España'. XUNTA
AV.- Pleno.- Feijóo reivindica os resultados do PPdeG: 'Foi o que obtivo un mellor resultado de todo o PP de España'. XUNTA | Fonte: Europa Press

"Ser do PP e gañar non vale, ser do Partido Socialista si vale", criticou o líder do PPdeG, que situou neste punto a "gran diferenza" entre populares e socialistas. E é que, na súa resposta a Leiceaga, asegurou que o PSdeG "vai ter alcaldías" con "porcentaxes de votos inferiores", por exemplo, ao alcanzado polo "candidato do PP en Ferrol.

En fronte, o portavoz parlamentario do Partido Socialista, Xoaquín Fernández Leiceaga, afeoulle o seu defensa do goberno da lista máis votada e lembroulle a situación dos gobernos municipal e autonómico de Madrid, onde os populares Martínez-Almeida e Díaz Ayuso perfílanse como alcalde e presidenta sen ter o maior número de votos. "É o exemplo da coherencia do Partido Popular", censurou.

"DESBLOQUEAR PROXECTOS"

Na sesión de control, ademais, o portavoz socialista chamou ao presidente a aproveitar o último ano de lexislatura autonómica para "desbloquear proxectos". En concreto, referiuse a a intermodal da Coruña, ao barrio da Residencia de Lugo, ás áreas metropolitanas, ao Xacobeo de Compostela e ao Centro de Saúde de Vilagarcía.

Ademais, o portavoz socialista emprazou ao máximo mandatario autonómico a favorecer que a Deputación de Lugo poña en marcha o seu programa de residencias, así como a "dar carpetazo" á innecesaria Comisión do Marisquiño".

Pola súa banda, despois de que Leiceaga tamén se referise a as axudas aos municipios, Feijóo sinalou que o seu Executivo transferiu "máis de 450 millóns" aos consistorios. "O que transferimos aos concellos en 2018 é máis que o orzamento completo das consellerías de Medio Ambiente, a de Turismo e a de Mar", subliñou.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta