Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 05/06/2019 | Actualizada ás 20:27
A asemblea de Compostela Aberta reúnese este xoves por primeira vez tras a derrota nas urnas do pasado 26 de maio, cita na que a marea santiaguesa que lidera o alcalde en funcións, Martiño Noriega, perdeu o goberno da capital galega ao caer do dez concelleiros obtidos en 2015 ao cinco edís cos que afrontan o próximo mandato.
Así, o futuro de Noriega será un dos asuntos a abordar polas bases de Compostela Aberta, tendo en conta que, na noite do 26 de maio e tras confirmarse a derrota nas urnas, o aínda rexedor avanzou que sometería o seu cargo na corporación á opinión da asemblea.
Cuestionado sobre o seu futuro este mércores, Noriega evitou concretar se abandonará a primeira liña como fixo o seu homólogo coruñés, Xulio Ferreiro, ou se optará por continuar na política municipal, opción pola que apostou o ferrolán e tamén alcalde en funcións, Jorge Suárez.
"Non vai haber comunicación politica previa á asemblea por respecto á asemblea", indicou, para a continuación apuntar o seu "respecto aos espazos colectivos". "Máis aló das miñas decisións persoais, o importante son os debates colectivos", apostilou.
ANTÓN SÁNCHEZ
Pola súa banda, o viceportavoz parlamentario de En Marea e portavoz nacional de Anova, Antón Sánchez, pediu "respectar os tempos" do ata agora alcalde de Santiago e cabeza visible de Compostela Aberta, Martiño Noriega.
A preguntas dos xornalistas nunha rolda de prensa sobre a mina de Touro marcada pola situación interna do espazo de confluencia e as mareas municipalistas, Sánchez remitiu á "reflexión colectiva" de Compostela Aberta á que apelou Noriega, quen no seu día se apartou da dirección de Anova para centrarse no seu cargo de rexedor.
Aínda que "evidentemente tamén lle compete a el" pór sobre a mesa as circunstancias persoais que correspondan, Antón Sánchez sinalou que son os membros de Compostela Aberta "os que teñen que ter liberdade" para tomar unha decisión sobre o seu futuro.
Así, sobre se sería partidario de que quedase ou de que dese un paso atrás como o alcalde en funcións da Coruña por Marea Atlántica, Xulio Ferreiro, dixo que ve "con bos ollos as decisións" que se toman "desde a responsabilidade" e no marco dun proxecto "colectivo", sempre "respectando as situacións persoais de cada persoa". Por iso, asegurou que, na súa opinión, "non hai unha única saída" neste tipo de contextos. Pola súa banda, subliñou que non coñece cal é "a correcta".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.