Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 08/06/2019 | Actualizada ás 16:19
O secretario xeral dos socialistas galegos, Gonzalo Caballero, enxalzou a figura do portavoz parlamentario, Xoaquín Fernández Leiceaga, quen continuará ocupando ese cargo cando o líder do partido ingrese na Cámara galega, xa que Caballero asumirá a función de presidente do grupo socialista no Pazo do Hórreo.
Con todo, durante a súa intervención na mañá deste sábado no comité nacional do PSdeG, Gonzalo Caballero non concretou en cal dos dous plenos que faltan antes da suspensión da actividade parlamentaria con motivo do parón estival asumirá a súa acta de deputado aproveitando a vacante que deixa o deputado Abel Losada, que cambia o Parlamento pola política local en Vigo.
Caballero, que ocupará a presidencia do grupo, limitouse a afirmar que ingresará na Cámara galega "nas próximas semanas, cando os tempos políticos así o marquen". A continuación, enxalzou o labor á fronte do grupo de Leiceaga, "o mellor portavoz" que o partido "pode ter".
O secretario xeral do PSdeG asegurou que a súa "folla de ruta seguirá sendo percorrer Galicia" como, di, realizou desde a súa elección como líder do partido a finais do ano 2017. Todo iso coa vista posta nas eleccións autonómicas, para as que Gonzalo Caballero xa foi elixido como candidato á Presidencia da Xunta nunhas primarias celebradas hai medio ano.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.