O Hospital Montecelo implanta un sistema de preparación de medicamentos perigosos pioneiro no Sergas

Aplicará a preparación gravimétrica de medicamentos perigosos para quimioterapia.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 11/06/2019 | Actualizada ás 15:56

Comparte esta noticia

O Hospital Montecelo implantou na práctica clínica real a preparación gravimétrica de medicamentos perigosos que, por primeira vez, se aplica nos centros hospitalarios da rede sanitaria autonómica do Servizo Galego de Saúde (Sergas).

O Hospital Montecelo implanta un sistema de preparación de medicamentos perigosos pioneiro no Sergas
O Hospital Montecelo implanta un sistema de preparación de medicamentos perigosos pioneiro no Sergas | Fonte: Europa Press

En colaboración coa Compañía Farmacéutica Becton Dickinson púxose en marcha este novo sistema denominado BD CATO, que afecta principalmente a aqueles medicamentos que se utilizan para as preparacións de quimioterapia oncohematolóxica.

Para este proceso técnico, ademais de eliminar o papel de todas as metodoloxías de preparación, dotouse a cada un dos postos de traballo das salas brancas do Servizo de Farmacia con cabinas de fluxo laminar vertical, e incorporáronse un escáner, unha cámara fotográfica, unha balanza de precisión e un computador onde a aplicación electrónica BD CATO guía o persoal do servizo en cada un dos protocolos de preparación de medicamentos perigosos.

CERO ERROS

Un dos aspectos destacados durante esta presentación foi que a posta en marcha deste novo proceso incrementou os estándares de calidade e seguridade neste servizo ata o punto de conseguir o nivel "cero" de erros na preparación de medicamentos.

A clave está en que durante a preparación gravimétrica o erro se detecta en tempo real durante o proceso, de tal maneira que non se permite ao preparador continuar coa metodoloxía de preparación.

Mentres que na preparación volumétrica os erros se detectan cos medicamentos xa preparados, o que implica certa incerteza adicional, ademais da perda económica consecuente ao rexeitamento da preparación realizada e á súa eliminación como residuo perigoso.

Tamén se incrementa a seguridade dos pacientes ao lograr a rastrexabilidade total das preparacións farmacéuticas, identificando de maneira inequívoca, en tempo real e de maneira electrónica, o medicamento preparado e administrado para o paciente concreto ao que se lle prescribiu.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta