Un, dous...e tres!!!

UN, DOUS...E TRES! A refundación que non foi quen de facer o BNG por propia iniciativa, parece que a vai facer o nacionalismo aínda sen agardar polo Bloque, que lonxe de adaptarse a novos tempos con novas politicas, deu un paso atrás e volveu ás orixes, a formulacións resistencialistas e reivindicativas que poden ter o seu éxito efímero como consecuencia da crise, pero que non aporta solucións acaídas á sociedade galega.

Por Antón Tenreiro | Oleiros | 13/02/2012

Comparte esta noticia

Xa desde a XII asamblea, algúns entendiamos que a "marca BNG" estaba desgastada politicamente, con un goteo continuo de perda de apoio social e electoral, e mesmo alcaldes do BNG así mo teñen manifestado, incidindo na necesidade de tomar medidas para evitar a liña descendente do nacionalismo en todo o país agás contadísimas escepcións.

Coa marcha do Encontro Irmandiño, e as previsíbeis marchas tamén da sopa de letras de mini partidos do BNG, ademáis de numerosos militantes individuais, abrese agora unha refundación, non do BNG senón do propio nacionalismo e mesmo do galeguismo que terá como resultado a existencia de tres forzas politicas con representación institucional no espacio galeguista, o propio BNG, o resultante de escindidos pola esquerda arredor do EI, e outro que sairá do ambito do chamado "quintanismo", nun espazo máis moderado.

Á continua perda de espazo do BNG, o nacemento de estas outras dúas formacións, pode ser bo para o país, ocupando cada quen outras bolsas de electores e apoio social hoxe fora do galeguismo dunha maneira natural e que incluso afortalen e recuperen a identidade galeguista de milleiros de galegos que hoxe non se sentían representados no BNG.

O que non ten sentido nesta nova situación é a existencia de mini partidos dentro de partidos nin volver a caer en estructuras copia do BNG como o frentismo. PNG, Espazo Socialista, Esquerda Nacionalista, Máis Galiza, Encontro Irmandiño... organizacións que na maioría dos casos non superan en Galicia os 300 militantes evidencian a pequena implantación partidaria do nacionalismo, a fragmentación personal e ideolóxica, e a febleza do nacionalismo, incapaz de organizarse en grandes partidos superando diferencias que raian por veces o ridículo pero que só benefician aos partidos e aos intereses estatais sobre os galegos.

Abrese pois, un camiño trascendente e posiblemente histórico, consecuencia directa do inmobilismo e conservadurismo do BNG, que superado pola realidade, queda sometido tamén ao seu propio debate interno e que debera ter consecuencias politicas, e mesmo responsables polo mantimento de postura que se sabían un reto, unha provocación.Desde agora, no BNG pasará tamén o que algúns viñamos manifestando, a necesidade de responsabilizarse do goberno da organización, senón tamén dos fracasos, permanentemente xustificados e mesmo compartidos cando todos eramos coñecedores de quen tomaba as decisións.

Cando non se evoluciona, o tempo acaba poñendo a cada quen no seu sitio, e agardemos que todo o que está sucedendo dentro do galeguismo organizado sexa para ben. A sociedade galega viña enviando mensaxes desde hai tempo de que o BNG xa non era a forza que este país precisa, e a sociedade demanda instrumentos modernos e acaídos, está claro que nin se adaptará nin agardará por quen non esteña á súa altura.

A mala convivencia interna de distintas corrientes, partidos e persoas dentro do BNG, era evidente nos últimos anos, e agora, todos eles veranse obrigados a entenderse para manter o poder institucional e os intereses do país, pero desde unha posición de independencia e de respeto mutuo, desde organizacións distintas pero organizacións irmáns ao fin e ao cabo. Sorte a todos.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Antón Tenreiro Concelleiro en Oleiros entre 1999 e 2007 (Membro do goberno entre 2003 e 2006). Entre 2007 e 2009 foi asesor de Vicepresidencia no Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar. Abandona o BNG en xullo de 2010. O seu blog blog