"Intactos"

¡Que desgusto, xa me amargaron o meu carnaval favorito, correr diante dos peliqueiros de Laza! Resulta que “Belén Esteban ten que operarse o peito porque leva próteses PIP”.

Por Valentin Carrera | Compostela | 18/02/2012

Comparte esta noticia

 ¡Que desgusto teño! Debe de ser un asunto moi importante, porque é portada na Voz e en toda-la prensa seria, e non como a carta de Paco Rodríguez, que só se pode ler completa en Terra e Tempo ou en Galicia Confidencial: “Non hai organización máis democrática nin máis transparente que ou BNG, que segue intacto”, afirma rotundo o mítico coronel da UPG. ¡Si Él o di!

Non sei que punto de desconexión coa realidade ten a nosa fauna política, que extravío, que distancia sideral coa rúa nin en que mundo viven algúns: Jauja, o País de Nunca Xamais, Babia, os Cerros de Úbeda? Non é só o autismo absoluto de Paco Rodríguez e a súa memoria do Vietcong: é o ensimesmamento aritmético de Rubalcaba, ganador por 22 votos; é o solipsismo de Rajoy, que en dous meses xa supera ao de Zapatero; é a careta de Ruiz Mateos que se lle está poñendo a Sarkozy a medida que se achegan as súas eleccións; é a cruz de Merkel, “devanada a si mesma en tolo empeño”.

¿Non chegou aos seus oídos nin un só eco do 15M; non baixan á rúa, non van ao bar, á pelu, ao supermercado, non teñen fillos, amigos, veciños? ¿En que mundo viven?
 
Vémolos nos seus congresos auto referenciais, todo o tempo falando de si mesmos e do seu mirífico embigo; estes salvadores da patria parapetados tralo comité, a organización, os estatutos, os delegados, os discursos, as bandeiras. Soa todo tan rancio e tan antigo, tan mofoso, tan aburrido, tan alleo ao ano 2012, ao século XXI, a era Internet, ao Facebook e o iPad, á globalización, á DemocraciaRealYa, ao altermundismo.
 
Fai moito tempo que a sociedade lles fixo un ERE colectivo: ¡OFF! Están desconectados dos cables vitais das preocupacións cidadás. Fai tempo que están mortos. Eses que vemos no teatriño do rei -Rubalcaba, Rajoy, Rodríguez, Vázquez, o outro Vázquez-, son só os seus espectros, os ecos (iso si, “intactos”) de si mesmos que resoan no baleiro e vanse apagando febelmente. Xa non serven nin para dar matraca ás comparsas do Carnaval: teñen menor interese que a silicona de Belén Esteban. E bastante menos credibilidade. @Tornarratos

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Valentín Carrera Valentín Carrera, Ponferrada, 1958, escritor e xornalista, analista político en Galicia Confidencial, no blog Tornarratos.com, no Semanal Digital e no Faladoiro da Radio Galega. Dirixe a editorial eBooksBierzo. O seu último libro "Pescanova Crimen Perfecto”, aborda a estafa piramidal do caso Pescanova [http://www.paradiso-gutenberg.com/pescanova/].