Aínda cando non fomos capaces de facerlle fronte a ningún deses nocivos, corremos a engadir outras miserias ao noso basto manual de autodestrución. Semella que, como colectivo social, somos un pobo que se sabe vencido, e acéptao; ou sexa, resignado a deixar de existir. Somos tan pouca cousa que xa nin ás nosas propias casas somos capaces de defender. Nas sociedades vivas e comprometidas coa liberdade, co existir en plenitude, quen invada unha casa dun particular sae dela nunha caixa. Non fai falta nin policía. A policía é a sociedade viva e comprometida coa súa liberdade. Mais non entre nós, paradigma que somos da covardía e do vencido, o derradeiro mortizo de Europa. E as mafias sábeno. E coma voitres que son, non resisten o cheiro a carnaza xa a medio podrecer, que é o que queda de nós. Si, de vez en cando sacamos a pasear unhas pancartas onde timidamente rotulamos “okupas fóra!” cando tiñamos que estar desamarrándonos dos partidos politicos, de todos eles, e tomando conciencia e organizándonos arredor do que conta, pondo en valor o noso voto ata limpar os nosos parlamentos autonómicos e mailo do Estado desa bosta que só se dedica a pasar leis á medida das súas hipócritas conveniencias. Está claro que as mafias dos okupas non son o problema; nun país libre iso solucionábase nun par de horas e aínda quedaba tempo para tomar café. E, si, todo iso sen violar nin sequera unha lei, porque nos países verdadeiramente libres as leis están feitas pola cidadanía, co único propósito de servir á cidadanía, que xa non ás mafias invasoras. O problema é a nosa tolerancia a esta nova ditadura podemizada e maila nosa incapacidade de pór en valor o noso voto; ou sexa, o problema somos nós.
Darlles resposta a esas miserias están certamente fóra do meu alcance; pero que cego non estou e xordo de todo aínda tampouco. Logo, vexo e oio. E o que vexo e oio confírmanme o peor dos agoiros: un país que saíu vivo e cheo de vitalidade das cadeas da ditadura franquista, agora, avasalado polos complexos de inferioridade, entrégase a outra ditadura milleiros de veces máis destructiva, a dunha vida apátrida, acultural e amoral, guiada polos eufónicos opios do hedonismo duns poucos e a crecente apatía dos máis. Se este país se ha salvar, a xente de ben ten que gritar - a risco de que ese grito veña con cheiro a pólvora e chumbo derretido - “na miña casa mando eu!”. E ten que gritar alto. E ten que gritar xa. Mentres non sexamos donos das nosas propias casas, non seremos nin mereceremos ser donos de nada. Esas pancartas de fin de semana polas zonas peonís das nosas vilas e cidades xa non serven para nada. Ou se cadra si, serven para anunciar a nosa condición de vencidos ás mafias que andan ao axexo.
Unha sociedade viva, guiada por valores éticos, cun claro sentido do honor e da honra, orgullosa do traballo e do esforzo, segura dos seus destinos, comprometida co seu futuro, permitiría a podremia e escravitude das mafias do okupismo? Quen tiver dúbidas de como responder a esa pregunta só está confirmando a súa condición de vencido. Este podemizado desnorte, sen inhibicións éticas ou morais, só se dá en sociedades decadentes sen máis futuro có ser colonizadas. E as mafias sábeno. E é nestas sociedades onde os okupas, coas súas mafias e acólitos, son vistos, todos eles, coma uns santiños, víctimas dunha sociedade inxusta! Os malvados somos nós, os cidadáns que rebentaron o lombo para mercar un piso ou facer unha casa. E nós, que ata hai dous días pensábamos e criamos que o fogar, a casa, inmortalizada naquilo de “Miña casiña, meu lar, cantas onciñas de ouro me vals!” era un espazo sagrado, o derradeiro recuncho sagrado que nos quedaba no imaxinario colectivo, parte inseparable e irrenunciable do noso acervo, da nosa identidade. Algúns aínda o seguimos crendo e seguimos sen aceptar un mundo onde iso non sexa un irrenunciable. Algúns mesmo cremos, crerémolo ata o derradeiro día das nosas vidas, que quen invada a casa doutra persoa renuncia á propia vida. Non queremos compartir con ese lixo nin sequera os mexadoiros públicos. Así de claro. Así de claro porque vivimos épocas onde se algo estorba son esas ambigüidades, esas defecacións da cultura occidental que é o que vén sendo o politicamente correcto, manifestacións que son elas da hipocrisía, da falta de dignidade e da covardía; daquela, nunca me retratarei da devandita afirmación.