Carvalho Calero, unha das figuras máis controvertidas para o Día das Letras Galegas

Desde a Real Academia Galega consideran que "temos o sistema suficientemente maduro como para poder falar destas cousas con absoluta naturalidade", en referencia ás teses filolóxicas reintegracionistas que defendeu desde os anos setenta.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 22/06/2019 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Defensor das teses reintegracionistas, Ricardo Carvalho Calero, buscaba con elas achegar o que para el eran dúas versións da mesma lingua. Criticado no seu día por defender estas posicións, durante moito tempo, a súa figura foi tan apreciada como denostada pola defensa do reintegracionismo. 

Ricardo Carvalho Calero, intelectual homenaxeado nas Letras Galegas 2020
Ricardo Carvalho Calero, intelectual homenaxeado nas Letras Galegas 2020 | Fonte: Arquivo RAG

Consideraba ese achegamento como necesario para a sobrevivencia do galego e de cara a unha maior aproximación entre as dúas beiras do Miño, traballou fondamente por crear, defender e difundir un ideario e unhas posturas que, logo de varios anos, agora non parecen ser impedimento para recoñecer a súa figura como defensor activo do galego

A ASSOCIAÇOM GALEGA DA LINGUA

A Associaçom Galega da Lingua reivindica o ideario reintegracionista de Ricardo Carvalho Calero, homenaxeado nas Letras Galegas deste 2020 e aplaude a elección adoptada este sábado pola Real Academia Galega ao entender que debeu ser "unha decisión difícil".

A entidade pediu á Real Academia Galega que tamén respecte a decisión de Carvalho de escribir o seu apelido con 'v' e 'lh' e sostén que ante as distintas posicións "todas" poden ser de gran axuda para normalizar o galego.

"A nosa aosciación non vai aforrar esforzos nin recursos para divulgar a figura e a obra de Ricardo: o mozo ferrolán que chegou a Compostela e se sumou á causa galeguista e republicana, o represaliado polo franquismo, o literato, o estudioso da literatura e, tamén o gran referente do reintegracionismo", subliñou AGAL.

Con este fin, realizarase un documental sobre a súa figura, con recursos multimedia e a publicación de varios libros, que inclúen a reedición da súa novela 'Scórpio', unha antoloxía poética e unha historia de cómic.

REAL ACADEMIA GALEGA

A Real Academia Galega (RAG) dedicará o Día dás Letras Galegas de 2020 a Ricardo Carvalho Calero, segundo ratificouno este sábado o pleno da institución na súa sesión ordinaria. Así o decidiu por 21 votos a favor, un en branco e un en contra. Foron en total eses 23 votantes: 17 presentes e seis por correo, segundo informa a institución académica.

Ricardo Carvalho Calero
Ricardo Carvalho Calero | Fonte: Arquivo RAG

Deste xeito, Carvalho Calero será o homenaxeado o próximo 17 de maio, coincidindo cos 110 anos do seu nacemento e os 30 do seu falecemento. Nun comunicado de prensa, a RAG valora que o profesor ferrolán é "unha das figuras máis relevantes da cultura galega da segunda metade do século XX" e que "desenvolveu unha traxectoria vital profundamente vinculada á historia do galeguismo".

DISCURSO DO PRESIDENTE

O presidente da Real Academia Galega, Víctor Freixanes, tamén louvou a traxectoria de Carvalho Calero. O filólogo ferrolán "saíu elixido amplamente co consenso de todos os académicos ou dunha parte importante dos presentes". Resaltouno tras precisar que este tipo de decisións a Academia "non as improvisa" e o "debate", despois de que fosen dúas propostas as presentadas, que coincidían na figura do ferrolán, asinadas unha por Ramón Villares, Margarita Ledo e Xesús Alonso Montero e a outra por Xosé Luís Axeitos, Francisco Fernández Rei e Manuel González.

A "aceptación" da súa candidatura é "indiscutible", subliñou Freixanes, antes de "celebrar poder presentar este ano a candidatura de Ricardo Carvalho Calero, que non era a primeira vez que se presentaba". "Non sempre é fácil elixir", precisou Freixanes. En calquera caso, viu nesta "unha oportunidade para reivindicar a figura dun dos grandes intelectuais da cultura galega do século XX" e esperou que a recuperación da súa casa natal "sexa unha realidade" e "non quede en floreiro de papel".

"É algo que celebramos todos, do que nos congratulamos todos e que esperamos que a sociedade galega a partir do 1 de xaneiro do ano 2020 teña oportunidade de tamén celebrar connosco como outros anos", chamou a atención. Ademais, apuntou que falou coa familia na mañá deste sábado, "que estaban moi felices" e advertiu que Antonio Fraguas "segue sendo" o homenaxeado de 2019, con actividades aínda pendentes.

REINTEGRACIONISMO

"Sei que o tema de Ricardo Carvalho Calero pon unha cuestión encima da mesa, que á mantenta eu non explicitei na miña intervención", indicou Freixanes a preguntas dos xornalistas sobre o debate que pode xerar a homenaxe a Carvalho Calero, defensor das teses que marcarían o movemento reintegracionista.  Freixanes opinou que lle parece esta "unha cuestión menor dentro da biografía de Carvalho Calero" e que "parece que durante moito tempo foi embazada a súa figura" e "parece que a puña nun estraño lugar".

"Hai unha nova xeración, afortunadamente hoxe a lingua ten unha solidez e unha estabilidade indiscutible; temos unhas normas que a Academia elabora e que actualiza e que moderniza constantemente e hoxe estamos en condicións tamén de, con absoluta liberdade, escoitar todas as voces, porque todas as voces deben ser ouvidas. Outra cousa despois son as posicións", expuxo. Por iso, no seu día, cando se celebren seminarios ao redor da súa figura, "esas voces a Academia garante que tamén van ser ouvidas con liberdade absoluta de expresión e de opinión", afirmou. "Temos o sistema suficientemente maduro como para poder falar destas cousas con absoluta naturalidade", profundou.

Na súa nota de prensa, a RAG lembra que "Ricardo Carballo Calero (Ferrol, 1910-Santiago de Compostela, 1990) desde o ano 1981 asinou as súas obras e escritos como Carvalho Calero". "Cada quen que escriba o nome como crea que é o máis significativo", apuntou o presidente da RAG. "Nós o que utilizamos é Carballo Calero con b, pero recoñecemos como unha opción que el recoñece tamén nos nosos escritos, Carvalho con v-lh, porque esa foi unha proposta que el moi conscientemente decidiu ao final da súa vida", finalizou Freixanes.

CONCELLO DE FERROL

O Concello de Ferrol anunciou a organización de diversas actividades para conmemorar a Ricardo Carvalho Calero, intelectual ferrolán elixido como homenaxeado nas Letras Galegas de 2020. O alcalde, Ángel Mato, fixo pública a súa "satisfacción" pola ratificación por parte do pleno da Real Academia Galega (RAG) da proposta de Carvalho Calero, coa que se "fai xustiza despois de varios anos solicitando o recoñecemento do que foi un brillante filólogo e escritor", "non só" orixinario de Ferrol senón tamén "vinculado" coa cidade.

Mato lembrou que Carvalho Calero xa foi homenaxeado en vida por parte do Concello de Ferrol, que lle concedeu o título de Fillo Predilecto e entregoulle a condecoración o Día de San Xiao de 1990, por parte o entón alcalde, o socialista Manuel Couce Pereiro. A homenaxe a Carvalho Calero producirase no ano no que se cumpre o 110º aniversario do seu nacemento en Ferrol e aos 30 anos do seu falecemento en Santiago de Compostela.

Carvalho Calero, licenciado en Dereito e en Filosofía e Letras, foi o primeiro catedrático de Lingüística e Literatura Galega da USC, autor da primeira Historia de Literatura Galega, participante no Estatuto Galego de Autonomía de 1936 e crítico e ensaísta, entre outras achegas á lingua e literatura galegas, lembra o concello. A súa figura, como avanzou Ángel Mato, será difundida e destacada ata o día das Letras Galegas por parte da institución municipal. O equipo de goberno xa comezou " a traballar desde xa mesmo para para organizar diferentes actividades".

XUNTA DE GALICIA

A Xunta de Galicia celebrou a decisión da Real Academia Galega (RAG) de dedicar o Día dás Letras Galegas de 2020 a Ricardo Carvalho Calero, intelectual e profesor ferrolán ao que enxalza como un dos "cumes" das letras galegas do século XX. A Consellería de Cultura e Turismo destacou o traballo de Carvalho Calero como docente en ensino medio e universitario e o labor que desenvolveu dentro da propia Real Academia Galega desde 1958.

Nacido en Ferrol o 30 de outubro de 1910 e falecido en Santiago de Compostela o 25 de marzo de 1990, constitúe "un dos cumes intelectuais e literarios das letras galegas do século XX, razón pola que é merecedor do recoñecemento colectivo de todas e todos os galegos", incide a Xunta nun comunicado.

A Consellería de Cultura anunciou que traballará ao longo dos próximos meses da man das máximas institucións culturais do país, coa Real Academia Galega e co Consello da Cultura Galega, así como co conxunto da sociedade civil, para elaborar unha programación que contribúa á difusión da figura homenaxeada no Día dás Letras Galegas 2020.

A Xunta lembra que o intelectual ferrolán estivo adscrito á Xeración de 1936, xunto a escritores como Celso Emilio Ferreiro ou Aquilino Iglesia Alvariño e foi un autor polifacético e mestre filolóxico. A súa obra nos xéneros do ensaio, a poesía, o teatro e a narrativa está considerada unha peza crave da reconstrución cultural de Galicia na segunda metade do século XX.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 5 comentarios

4 Calaicvs

Andan ca matraca do binormativismo pero curiosamente todos os que o defenden escriben en portugués puro e duro. E cando fan vídeos defendendo a súa opción lusista empregan un galego que semella calqueira cousa menos galego. Nin guén fala así en Galiza. Eu concordo en moitos puntos coa AGAL pero cada día vexo que claramente queren impor a norma portuguesa e iso non sería aceptado polo 90% dos galegos (que xa o teñen difícil dabondo usando o castrapeiro RAG). Se queres salvar ó enfermo amputas o membro infectado pero non lle fas un transplante de cerebro...

1 uu1

Você só precisa pesquisar na internet por um documental, um filme, uma tele-novela, um noticiário, em português do Brasil. Se você acha que é uma variedade da nossa lingua, aproveite-a. Se você não pensa assim, desfrute de uma lingua limitada e quando você não encontrar algo no padrão RAG você pode usar a versão original (quasei sempre em ingles), mas você provavelmente irá recorrer ao castelhano. O galego nunca foi e nunca sera galego-castelhano!

3 Rascayú

a Xustiza é lenta, pero sempre chega! Poden gustar as suas teses ou non, pode gustar o seu proxecto para a nosa lingua ou non, pero que é xusto merecedor desta homenaxe non o pode dubidar ninguén.

2 Sentidiño

Todas a ler "Scórpio", e logo falamos de Cercas, Martín Gaite, Lorenzo Silva...ou dos premios Planeta: Juan Manuel de Prada, Fernando Delgado, Marta Rivera de la Cruz, Susana Fortes, Mara Torres, Ángeles Caso, Espido Freire, Boris Izaguirre,... Se os críticos de Madrid aprendesen galego, ao mellor a nosa autoestima literaria medraba un pouquiño...

1 As verdades

Carvalho Calero non ten ningún mérito, só seguía as ideas do nacionalismo portugués da época, ainda que dende o nacionalismo queran crear un intelectual onde non hai nada.