Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 22/06/2019 | Actualizada ás 20:04
A área de Servizos da Confederación Intersindical Galega (CIG-Servizos) rexeitou o acordo subscrito pola Xunta e a Federación de Municipios e Provincias (Fegamp) polo que acordaron crear unha bolsa de socorristas para atender os servizos que queden sen cubrir nas praias galegas e a súa intención de crear unha figura auxiliar deste servizo para "garantir a súa precarización e pór en risco, máis se cabe, a vixilancia nos espazos naturais".
Para a CIG, "é evidente que a razón de que os areais galegos non conten con persoal disposto a traballar é polos baixos salarios e as malas condicións laborais" que, ao seu xuízo, "ven obrigados a aceptar en caso de concorrer a esas vacantes", a pesar de ser traballos dos que dependen as vidas de moitos usuarios destes espazos naturais.
Nun comunicado, a asociación sindical tamén rexeitou o número de socorristas que a Xunta asegura que están rexistrados, "debido a que sumou os rexistrados para espazos naturais e para instalacións deportivas, cando ambos os rexistros son diferentes".
"Resulta curioso que estean a participar nestes acordos e iniciativas empresas do sector co único propósito de precarizar o emprego para seguir enriquecéndose a conta dos socorristas e da seguridade cidadá e que non se pida a participación da CIG, que demostrou en reiteradas ocasións á súa preocupación polo sector", sentenciou a CIG-Servizos.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.