Eduardo S. Maragoto, presidente da AGAL: "Apostamos polo binormativismo, que se ensinen as dúas normas do galego"

O presidente da Associaçom Galega da Lingua ve no nomeamento de Carvalho Calero unha grande oportunidade para o achegamento de posturas entre reintegracionismo e a normativa oficial do galego. Considera que a sociedade galega madurou grandemente e considera que as ideas e conceptos irán sumando esforzos paulatinamente.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 23/06/2019 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

-Cal é o ánimo dentro da AGAL logo de saberse que Ricardo Carvalho Calero será o homenaxeado nas Letras Galegas de 2020?

Ricardo Carvalho Calero
Ricardo Carvalho Calero | Fonte: Arquivo RAG

Pois como pode imaxinar moita xente, cunha inmensa alegría. Xa eran moitos anos esperando e reivindicando a figura de Carvalho Calero, ás veces case desfalecendo, porque houbo anos que xa pensabamos que nunca acontecería. É un duplo reconforto, por ter acontecido e xa pensabamos en que non ocorrería, vemos con satisfacción a madurez da sociedade galega e do movemento cultural galego nos últimos anos. Isto é un indicio que a cultura galega está madurando moi depresa.

-En que sentido?
Pois por estar revisitando vellas cuestións e debates interesantes para a cultura galega. Interesantes polo feito de se prolongaren máis de dous séculos. Houbo un momento, entre finais dos 70 e comezos dos 80 do século XX en que se distanciaron as diferentes maneiras de ver a relación do galego co espazo lusófono. Por unha banda a visión que quería acentuar Carvalho e a que quería acentuar a visión independente do galego. Esas dúas posturas radicalizáronse con décadas sen aproximación.

-Segue ese afastamento entre as dúas visións?
A ver, desde hai un lustro sentimos que iso está a mudar. Sobre todo coa universalización da Internet. Isto facilitou o acceso a textos portugueses da xente desde Galicia. Antes falabamos de que o galego e o portugués eran a mesma lingua e non había maneira de verificalo, porque ou non leran en portugués ou lérao moi poucas veces. Agora si hai acceso aos textos portugueses. Logo esta que cada quen pode manter posicións diferentes, con todo, cada vez vai haber máis coñecemento dunha banda por parte da outra, haberá máis diálogo e máis vontade de aproveitar todas as posturas en beneficio do galego e da propia Galicia.

 Xa eran moitos anos esperando e reivindicando a figura de Carvalho Calero, ás veces case desfalecendo, porque houbo anos que xa pensabamos que nunca acontecería

Ricardo Carvalho Calero
Ricardo Carvalho Calero | Fonte: Artabra Dixital

-Cal foi o motivo polo que se radicalizaron as dúas visións sobre o galego, por que esas décadas de separación entre dúas posturas?
Aí a cuestión nace en 1971 cando se funda o Instituto da Lingua Galega (ILG), que liderou Constantino García. Daquela había unha visión populista dentro dalgúns sectores políticos en relación ás linguas, como debían ser normativizadads as linguas minoritarias. Ese sector arredor do ILG, comezou a promover unha codificación do galego próxima non tanto coa súa historia literaria e non tanto coa súa unidade histórica con outros territorios onde se falaba galego portugués. O que si fixeron foi centrarse no estudo dos dialectos ou diferentes falas galegas. Este grupo de persoas entenderon que a partir dos estudos sobre os dialectos era posible crear unha lingua independente do galego-portugués, que ata aquel momento se consideraba o seu ámbito natural. Ao mesmo tempo, en 1973 nace a proposta de Rodríguez Lapa que avoga por afirmar a indentidade do galego dentro do espazo da lusofonía. Esa proposta foi seguida inmediatamente por Martiño Montero e Ricardo Carvalho Calero desde 1975. Por tanto, iso que se di ás veces que Carvalho Calero adheriu a esa postura nos últimos anos da súa vida, penso que é un pouco deshonesto. Carvalho participou nese debate desde o comezo e pódese considerar un dos fundadores do debate.

-Mais ese debate viña de lonxe?
Houbo persoas como Carvalho Calero que formularon teses achegadas á lusofonía. O caso é que en 1981 fundouse a Associaçom Galega da Lingua, AGAL. Aí xa se codificou e se escribiu unha normativa para poder defender publicamente esa postura. Mais isto xa viña desde Murguía, quen foi o primeiro en dicir que esa debera ser a orientación. Logo tamén había autores máis populistas. Resumindo, a radicalización nace coa codificación das dúas posturas para defender cada unha das filosofías.

-Mais debeu haber un momento en que as posturas pasaron a ser moi discordantes.
Si, cando se prevía que o galego pasase ao ensino. Para ensinalo precisábase unha normativa, e aí estaban as dúas nucleadas, unha arredor de Carvalho Calero e outra arredor de Constantino García. Ao final a Real Academia Galega (RAG), a pesar de que Carvalho significaba en termos lingüísticos todo para a RAG ata os 70, finalmente faille caso ao ILG, aceptando que o galego é unha lingua independente do portugués.

 Carvalho participou no debate do reintegracionismo desde o comezo e pódese considerar un dos fundadores dese debate.

-Reformular a codificación do galego é posible?
Véxoo complicado, máis que naquel momento, pois se en 1982 triunfase a postura de Carvalho Calero triunfase sería distinto. Entre o ano 1980 e 1982 chegaron á función pública e ao ensino unhas normas tendentes ao reintegracionismo, mais usando a escrita do castellano, mais achegadas a integrarse na lusofonía. Pois se ese camiño se tomase naquel momento, hoxe mesmo sería complicado voltar para atrás. Todo o mundo asumiría sen problema a unidade do galego e portugués, a supervivencia do galego e a proxección comunicativa dos galegos. Entón, se daquela pasase iso, penso que non habería problema. Hoxe en día, a norma ILG ten anos, con moitos apoios, aínda que o reintegracionismo ten apoios motivados, é complicado a reforma.

-Cal é entón a proposta desde AGAL?
Propomos a opción do binormativismo. Entendemos que coñecer, polo menos de forma pasiva, dúas normas para o galego, aínda que logo cada quen pode usar a que quixese, sería positivo para os galegos.  Nun caso reforzaría a identidade que creou a norma ILG sobre as falas vivas en Galicia. Por outra parte estaría o reforzo comunicativo dos galegos dentro da lusofonía.

-Ese binormativismo provocaría o mesmo rexeitamento que provocou no seu momento a introdución do galego no ensino?
Non, creo que non. Calquera proposta nova pode crear un rexeitamento inicial que provoque o descoñecemento da proposta. Mais se a proposta fose consensuada, que é o noso obxectivo, por todos os sectores, coa paciencia que fose preciso, podería ser apresentada aos galegos e galegas como algo moi axeitado aos seus intereses, pois en ningún caso perdería nada. O que está feito seguría a facerse, e por outra parte introduciríase unha lingua internacional no ensino que é o portugués para o que fai falta desenvolver a lei Paz Andrade. Verían que hai un incremento da súa capacidade lingüística e aumentarían tamén as súas posibilidades dentro do mercado laboral. Esa base serviría para usar unha ou outra ortografía.

Todo o mundo asumiría sen problema a unidade do galego e portugués, a supervivencia do galego e a proxección comunicativa dos galegos.

-Cres que a postura mantida ata hai pouco co reitegracionismo foi unha persecución?

Non, non creo que fose tal. Eu aquí distinguría o problema de Carvalho Calero e o do reintegracionismo. O útimo perdeu unha batalla entre finais dos 70 e comezos dos 80, unha batalla cultural e que debe ser vista neses termos. Mais nalgúns casos, como Carvalho Calero, houbo un ostracismo promovido pola administración e as principais institucións culturais que penso que esas mesmas institucións poden recoñecer. Carvalho Calero pasou de ser todo, a principal figura filolóxica, lingüística e historiador da literatura para Galaxia ou a RAG, a ser completamente arrelegado. Os dez ou quince últimos anos da súa vida tivo que pasalos moi mal, mesmo houbo xente que lle deixou de falar. A súa única casa foi o reitegracionismo que non era o hexemónico. As guerras culturais teñen gañadores e perdedores, mais as cuestións deben resolverse segundo os parámetros actuais e non indo a esas historias.

-Este nomeamento de Carvalho dará froitos nun futuro próximo?
Sen dúbida, mais tamén penso que non faría falta, pois creo que as cousas van indo pouco a pouco. Non se pode facer unha abordaxe unicamente galega da cuestión. Penso que para este tipo de cousas é preciso mirar para o mundo, ver a situación en que están as linguas que non son faladas en estados, a situación das linguas estatais faladas nun só estado e as que se falan en moitos estados. O galego-portugués, entedemos nós, é unha das que se fala en moitos estados. É probable que só esas linguas máis extendidas, sexan as que teñan a capacidade de manter a condición de linguas comunicativas. Nós non temos dúbidas sobre que, cedo ou tarde o galego vai agarrar este barco. Vaino facer sen perder particularidades, gañando. Iso o mundo político, o mundo cultural foino vendo. O nomeamento de Carvalho Calero non aparece só, aparece a Lei Paz Andrade, a última viaxe de académicos da RAG a Brasil ou as relacións co Instituto Camões. A partir deste momento, tanto o mundo político como cultural está mudando. Só temos que esperar. Obviamente o reintegracionismo pensa que canto antes se dean pasos, antes teremos cambios para a normalización. E ninguén vai gañar esta cuestión, vai ser a sociedade galega en conxunto, a que discuta o seu futuro en termos lingüísticos.

Con Carvalho Calero, houbo un ostracismo promovido pola administración e as principais institucións culturais que penso que esas mesmas institucións poden recoñecer.

-Foi a Internet a grande aliada do reintegracionismo e de que se coñecese a cuestión lingüística galega?
Si, sen dúbida. Internet foi un grande salto nas relacións comunicativas entre os países do mundo. A medida que se reducen as distancias entre as culturas, o reintegracionismo gaña máis espazo. É ademais un salto persoal. Cando comecei con isto nos anos 90, eramos todos coñecidos, eramos un grupo pequeño. Hoxe en día hai un resuxir nas redes sociais, multiplicouse exponencialmente o uso do reintegrado, e non o digo  por propaganda, é que hai un incremento no seu uso.

Eduardo Sanches Maragoto, presidente da AGAL
Eduardo Sanches Maragoto, presidente da AGAL | Fonte: Arquivo Galicia Confidencial
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 47 comentarios

3 4cyx

Este señor non sae en videos de You Tube apoiando a selección portuguesa contra españa, ó final é do que se trata, de nacionalismo portugués.

2 Pitito

E lo? Non seria mellor só unha?

1 Calaico

O ILG-RAG fixeron un dano catastrófico á lingua galega subordinándoa ó español grazas ó amigo Constantino (ó que non lle ouvín unha soa vez falando galego pola rúa aínda que me cruzaba con el unha ou dúas veces ó día indo cara a miña facultade na zona vella compostelá). Pero unha cousa teño clara, a deriva lisboeta da AGAL é patente e cada día máis forte. A súa normativa intermedia está a ser marxinada e xa aposta claramente polo portugués. Eu non quero iso para o galego. Normativa galega achegada ó portugués sí, sen dúbida. Normativa portuguesa non. Aclárense!