Por Galicia Confidencial | A Coruña | 04/07/2019 | Actualizada ás 12:32
Afundación, a Obra Social de Abanca, e a Escola Museo Origami Zaragoza (EMOZ), en colaboración con AGAPEMA, presentan a exposición «Papiromates. Matemáticas + creatividade = papiroflexia», unha mostra que reúne pezas de papel realizadas mediante a técnica do origami para poñer de manifesto a relación entre as matemáticas e a papiroflexia.
Este proxecto expositivo está dedicado á relación entre as matemáticas e a papiroflexia, un vínculo moi estreito dado que os patróns matemáticos son imprescindibles para o deseño das figuras expostas.
Mediante estas pezas, de valor case escultórico e para cuxa elaboración non se utilizaron pegamento nin tesoiras, só o encartado de papel, os asistentes poderán achegarse ás matemáticas desde unha nova perspectiva e coñecer, por exemplo, que é o «patrón de cicatrices» e a súa importancia á hora de deseñar novos modelos; como o origami modular constrúe corpos xeométricos ensamblando figuras de papel idénticas; ou como nas teselacións un mesmo motivo se repite numerosas veces cubrindo un plano a través de centos de pregos.
Ademais, a exposición tamén repasa as achegas dalgúns nomes relevantes no campo da papiroflexia, como o de Erik Demaine, Jeannine Mosely, Robert Lang ou a pregadora galega Covadonga Blanco, profesora de Matemática Aplicada na Universidade da Coruña e unha das principais impulsoras do grupo galego de papiroflexia, quen dedicou gran parte da súa carreira a investigar o origami como ferramenta pedagóxica para ensinar matemáticas.
A exposición estará aberta ao público ata o vindeiro 31 de agosto na Sede Afundación da Coruña (Cantón Grande, 8), de luns a venres en horario de 17.00 a 21.00 h e os sábados e festivos de 12.00 a 14.00 h e de 17.00 a 21.00 h. Ademais, poñerase en marcha unha programación de visitas guiadas e obradoiros para familias sobre papiroflexia.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.