"Abride a Fiestra" para atopar a Rosalía de Castro

O festival centrado na figura da poeta galega celebrará a súa segunda edición o 13 e o 14 de xullo. Entre os invitados ao festival destacan figuras como Cristina Pato, Davide Salvado, Ugia Pedreira, Xose Luís Méndez Ferrín ou Olga Novo.

Por Galicia Confidencial | Padrón | 04/07/2019 | Actualizada ás 13:06

Comparte esta noticia

O festival “Abride a Fiestra” celebrará a súa segunda edición o 13 e 14 de xullo na Casa de Rosalía en Padrón. O certame, organizado pola Fundación Rosalía de Castro, acollerá diferentes manifestacións culturais, facendo especial fincapé nas propostas emerxentes, que teñan á poeta como figura central. Entre os invitados ao festival destacan figuras como Cristina Pato, Davide Salvado, Ugia Pedreira, Xose Luís Méndez Ferrín ou Olga Novo.

Cristina Pato
Cristina Pato | Fonte: ABRIDE A FIESTRA

O evento foi presentado esta mañá no cuarto no que morreu Rosalía da Casa da Matanza. O nome do festival ven de testemuño da súa filla, que afirma que as súas últimas verbas foron: “Abride a fiestra que quero ver o mar”. Participaron ademais do presidente da Fundación, Anxo Angueira, a vicepresidenta da deputación da Coruña ,Goretti Sanmartín; a subdirectora de Política Lingüistica Lurdes Batán e o alcalde de Padrón, Antonio Fernández Angueira.

O programa comezará o día 13 cun recital poético multilingüe levado a cabo polo colectivo Poetas en Bruxelas e un grupo representativo da poesía galega actual, conformado por personalidades como Chus Pato ou Yolanda Castaño. A xornada rematará cun concerto de Cristina Pato acompañada por Roberto Comesaña, o único que ofrecerá en Galicia por un tempo.

O 14 será o día grande do evento, no que haberá unha xornada de portas abertas na Casa-Museo, na que haberá actuacións musicais, unha ludoteca e unha feira con produtos relacionados coa figura de Rosalía de Castro. Tamén está previstas visitas guiadas por persoeiros coñecidos da cultura galega e especialistas. Entre estes guías de luxo atópanse o escritor Pedro Feijóo, o deseñador experto en imaxes rosalianas Pepe Barro, o ex presidente da RAG Xose Ramón Barreiro e Olga Novo, que irá recitando poemas propios en cada estancia da casa.

Tamén haberá oco o audiovisual -coa proxección do filme “Contou Rosalía” introducido pola súa directora Zaza Ceballos- e para as regueifas, onde se contará con dous destacados deste xénero improvisatorio: Lupe Blanco e Kike Estévez. Os máis pequenos terán o seu oco con espectáculos especialmente destinado para eles e unha ludoteca.

Dentro do Auditorio haberá presentacións de libros, como “Cartas a Murguía III”, de Xosé Ramón Barreiro e Xosé Luís Axeitos; un relatorio de Carlos Castelao sobre as fotografías de Rosalía e un do escritor e académico Xosé Luís Méndez Ferrín sobre “Rosalía, A Matanza e Rodríguez del Padrón”. Alén disto, Anxo Angueira presentará o vindeiro proxecto da institución: “Amigos/as da Casa de Rosalía”.

A música será un dos fortes do festival, con concertos de Davide Salvado, que presentará o seu último espectáculo “Amarelo”; o cantautor local Secho; Ugia Pedreira que presentará unha performance musical sobre Rosalía co acompañamento musical de Cristina Pato; e a Coral de Padrón. Tamén terán lugar pequenos concertos ao piano da Familia de Rosalía.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta