O último, que peche a porta

Realmente dá unha inmensa preguiza ler unha e outra vez, cansinamente, as noticias sobre a diarrea orgánica do exbipartito galego, xa sexan sobre o PSdeG ou sobre o BNG. Como lector póñome nos zapatos de miles de lectores e paréceme compartir con eles unha inmensa sensación de fastío e cansazo. Como analista non recordo ningún momento máis soez e baixo na política galega; e debemos facer, con todo, un esforzo por intentar comprender o que está pasando. Non é que nos vaia a vida niso, pero a evaporación da esquerda galega é de tal magnitude que no próximo combate, para o que quedan poucos meses, podería gañar o PP por K.O. ou simplemente por incomparecencia do contrario.

Por Valentin Carrera | Teo | 06/03/2012

Comparte esta noticia
Que a xente, como gusta dicir Rajoy, desconectou fai tempo da gastada maquinaria destes dous partidos é algo que se reitera en todas as enquisas e estudos de opinión. A brecha esquerda/cidadanía é cada vez máis grande. O desinterese é mutuo: PSdeG e BNG levan tres anos pasando dos cidadáns e falando de si mesmos, das súas leas internas e dos seus cargos. Volveron as costas á realidade e a rúa ignóraos, sen que iso signifique –coidado- que a xente non siga tendo verdadeiro interese pola Política con maiúsculas, na que se xoga o seu caldo, a súa saúde e a escola dos seus fillos.
 
A descomposición interna do BNG é de manual estalinista: aquí non pasou nada, goteo de baixas planificado, descualificación do disidente, prietas las filas. Pertence ao mundo da ciencia ficción política. Moi oportunamente, Suso de Touro [El País] situou o debate no campo da antropoloxía, pero seríannos tamén útiles algunhas análises complementarias desde a Criminoloxía, o Dereito, a Medicina, a Psiquiatría e outras especialidades. Os delirios, as teimas persecutorias, a obsesión por degolar ao fillo descarreirado –convertendo a Martiño Noriega en branco de todas as iras, que será executado na praza pública para exemplo e escarmento-, o desapego da realidade, todo apunta a unha demencia política colectiva.
 
No outro cacho do exbipartito, o PSdeG é o camarote dos irmáns Marx. A aparición de Elena Espinosa, sub especie Virxe de Fátima, revelándose aos pastorcillos a unha semana do Congreso, é digna de Buñuel. Ao reunir baixo o seu manto celestial a todos os encabuxados, de pelaxes tan distintas e distantes, Espinosa acabará facendo bo a Pachi. Marabilla ver como se improvisa, “en horas 24, das musas ao teatro”, un programa “de esquerdas” e un modelo de partido. Este fin de semana os delegados do congreso socialista galego poderán escoller entre Coca-Cola e Pepsi-Cola. ¿Pero é que non queda ninguén no PSOE sensato que se de conta de que todo este barullo non é crible, que non hai programa nin modelo nun nin na outra, que non hai renovación en ningún dos dous, senón desgaste, esgotamento físico e mental, e máis do mesmo? O último en saír, que peche a porta, por favor. @Tornarratos

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Valentín Carrera Valentín Carrera, Ponferrada, 1958, escritor e xornalista, analista político en Galicia Confidencial, no blog Tornarratos.com, no Semanal Digital e no Faladoiro da Radio Galega. Dirixe a editorial eBooksBierzo. O seu último libro "Pescanova Crimen Perfecto”, aborda a estafa piramidal do caso Pescanova [http://www.paradiso-gutenberg.com/pescanova/].