Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 07/07/2019 | Actualizada ás 12:51
A celebración da Rapa das Bestas, que estes días se desenvolve na Estrada carece dun decreto da Xunta que controle esta actividade na que se producen "accións crueis" contra os cabalos, segundo denunciaron a Asociación Animalista Libera e a Fundación Franz Weber.
As entidades animalistas afirman que exite un "nulo interese da Xunta de Galicia por desenvolver medidas básicas en relación ao benestar animal" nunha actividade que se converteu en "un espectáculo de pago".
Na Rapa das Bestas, denuncian, prodúcense "accións crueis" contra os cabalos, como "o marcado a lume ou as pelexas de garañóns" que consideran que "non teñen máis finalidade que forzar fotografías de medios internacionais".
Os animalistas falan de "descontrol" na Rapa das Bestas e pon como exemplo o uso actual de medicamentos veterinarios por parte dos chamados "aloitadores" "sen unha correcta administración, en función do peso ou do estado físico de cada animal". En concreto, alertan de que supostamente existen produtos que poderían ter un impacto nocivo sobre o Medio natural, que se empregarían "sen que se tomasen as medidas de contención previstas nos propios prospectos".
Neste sentido, a suposta desparasitación da cabana equina en zonas como Sabucedo "cae polo seu propio peso por unha administración sen control nin revisións, tal e como sucedería en calquera explotación gandeira reglamentada a través de diferentes normas sobre sanidade e benestar animal".
Ata o momento, os animalistas reuniron máis de 165.000 firmas para reclamar a pretendida Lei de Protección Equina, que tamén axudaría a evitar a colocación de cepos, cadea e cordas nas patas dos animais, por tratarse, ao seu xuízo, de "accións crueis" que cometen "algúns gandeiros" no traslado dos cabalos aos curros.
Para Libera e FFW "resulta estraño que un espectáculo con animais, sen normas propias, poida ser declarado Ben de Interese Cultural inmaterial" e que a Xunta manifeste o seu "completo apoio sen consultar a absolutamente ningunha entidade especializada na protección dos animais".
A ONG perciben "un interese mercantil" na declaración de Ben de Interese cultural, xa que suporía que se accedese a "novos programas de axudas económicas" e "no caso de ser BIC estatal, ás convocatorias" con cargo ao coñecido como "1,5% cultural".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.