En política, as horas son minutos; os anos, semanas; e as lexislaturas, trimestres. ¿Quen se acorda xa dun presidente chamado Zapatero? Por non citar a Touriño, gran ausente no 12º Congreso do PSdG.
O conclave se foi contando minuto a minuto cunha espléndida cobertura en @GConfidencial. Un par de datos crave: Pachi Vázquez non suma 245 votos fronte a 212 de Elena Espinosa, senón que a súa Executiva monolítica nace cun lastre de 195 votos distraídos. A promesa solemne dunha Executiva de integración e o “que bos somos e aquí cabemos todos”, en boca do alcalde Orozco, os tronzou nun plisplas a rebarbadora de O Carballiño.
Con fatiga e cansazo, Pachi fíxolles un ERE colectivo a Espinosa, Pepe Blanco, Abel Caballero, Carmela Silva, Antón Louro, Modesto Pose, Leiceaga, Barcón, Lage, Iván Puentes, Ismael Rego, Francisco Rodríguez… a lista de damnificados é interminable, incluíndo ao aparello de Ferraz. Ao tempo, @PachiChachi atrincheirase na Coruña con Méndez Romeu e Fran Caamaño -quizais o máis aplaudido da nova Executiva- e en Lugo co tándem misterioso Orozco-Besteiro. Contado así, parecen rapazadas: xúrocho por estas, xa non son da túa pandilla, “no te ajunto”; si me votas, fágoche presidente; vale, pero non llo digas a Pepe, etc. De problemas, programas e solucións desde a esquerda esvaída falouse máis ben pouco: quizais Vázquez garde o seu arsenal ideolóxico para o debate da Autonomía que comeza o martes.
Logo, unha vez suprimido o verdadeiro debate político que interesaría aos cidadáns, hai unha parte circense que chirría na cultura política socialista (e popular, dito sexa de paso): o culto ao líder, de connotacións case relixiosas. De súpeto, soa a musiquiña familiar, durante media hora esquécense zancadillas e navalladas -dialécticas, eh-, e todos en pé aclaman ao líder: ao mesmo ao que pouco antes insultaron –si-, denostaron, descualificaron e non votaron; o mesmo que media hora antes os excluíu a eles. Para rematar chega Rubalcaba, a quintaesencia da política. Igual che digo unha cousa como che digo a outra. Si gañase Elena, felicítovos, elixistes á mellor, xa era hora de ter unha muller secretaria xeral, “son as que mellor cociñan” (cita literal) etc.; si gaña Pachi, felicítovos, elixistes ao mellor, a democracia nunca se confunde.
No outono12 ou primavera13, Feijóo convocará eleccións: Para cumprir a súa promesa de facer primarias e listas abertas, no PSdG teñen que poñerse as pilas e demostrar en seis meses que non teñen medo á DemocraciaRealYa, á transparencia, á sociedade. Toda esta refundación cólleos co pé cambiado; por iso, Caamaño e Besteiro conteñen a respiración e miden os tempos, coa vista en 2017. Para entón Hollande gobernará en Francia, Rajoy e Feijóo estarán desgastadiños de todo, e os galegos, nacidos á autonomía en 1981, levarán trinta anos, case ininterrompidos, gobernados pola dereita. @Tornarratos