Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 11/07/2019 | Actualizada ás 14:42
O viceportavoz do Grupo Parlamentario de En Marea, Antón Sánchez, censurou que o PP "pasa o rodete" na tramitación "exprés" da futura lei de patrimonio natural, o que repercutirá nunha maior "desprotección", segundo denuncia.
En rolda de prensa, Sánchez reprochou que o PP "se toma a chufla o Parlamento", ao que "despreza" na tramitación do proxecto de lei de patrimonio natural. Apunta que o relatorio para debater máis de 300 emendas dos grupos foi constituída o pasado 6 de xullo en comisión, pero o PP, "por puro interese partidista e electoral", quere pechala o vindeiro luns, 15 de xullo.
Lamenta que os populares buscan aprobar esta lei de forma definitiva nun pleno extraordinario este mes, pero "non hai ningunha razón de interese xeral que xustifique esta precipitación", que impide un debate "sosegado" onde "poida participar todo o mundo".
Sinala que tanto En Marea como PSdeG e BNG propuxeron un trámite de audiencia para escoitar aos colectivos ecoloxistas e ambientalistas que "rexeitan de forma unánime" este proxecto de lei e que "ven como un retroceso en políticas ambientais". Petición denegada polos populares, recrimina.
Por iso, Antón Sánchez critica que o presidente da Xunta e o PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, "quere ás alancadas maquillar o nefasto balance de aprobación de leis", pois leva "incumprindo as súas propias promesas ano tras ano". A modo de exemplo, sinala que "non aprobou máis que unha lei das que prometeu para 2018".
E agora, advirte de que os populares queren "furtar un debate aberto na sociedade cos colectivos que defenden o medio ambiente", no que identifica coa "despreocupación e deixamento absoluto" por parte da Xunta cara á protección ambiental.
EN FAVOR DE GRANDES EMPRESAS
O deputado de En Marea remarca que o regulamento da Cámara contempla uns 15 días para facer o informe de relatorio, que "pode ser prorrogado", pero o PP "quere aprobar isto en nove ou dez días". Identifica este "déficit de participación" coa "subordinación" dos populares aos intereses de grandes empresas. Pon de exemplo que as directrices da paisaxe seguen sen aprobarse, a pesar de que o seu procedemento ambiental iniciouse en 2016.
Achaca este "bloqueo" á intención de "favorecer a empresas eléctricas e fondos voitres" para a instalación de parque eólicos que poderían ter problemas se as directrices estivesen en vigor. Entre outros incumprimentos, Sánchez sinala a paralización da ampliación da Rede Natura. Tamén se refire a que o catálogo de especies ameazadas e en perigo de extinción aprobado en 2007 prevía plans de conservación para as súas 200 especies, pero "despois de 10 anos de goberno Feijóo" só hai en vigor tres, "outra mostra máis do desinterese e deixamento" sobre a protección do medio ambiente.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.