O poder domestica, e sempre tenta modelar a realidade dacordo a un patrón ideolóxico que sanciona un determinado concepto de cidadán, cliente ou vasallo. Foucault traballou moito este eido da biopolítica e o seu pensamento é decote aplicado para comprender as estratexias de construcción da realidade empregadas por diferentes reximes. Así por exemplo, o Estado feixista de Franco ergueu cunha tremenda coherencia todo un entramado material para reflectir o home da Nova España. Ese varón, patriota, metade monxe, metade soldado, como non cansaban de repetir os responsables da Fronte de Xuventudes na década de 1940. Ese home clasificado nun sistema vertical, xerárquico, corporativista e orgánico. Os “productores” como subalternos. Contra a pantasma da revolución social, da reforma agraria republicana, da España autonómica… o feixismo foi quen de impoñer na cotidianeidade o seu arcaizante modelo social a través dun mecanismo clásico: o monopolio do espazo público, eido exclusivo dos vencedores. Este proceso de patrimonialización deuse ininterrumpidamente durante corenta anos, agochado baixo a parafernalia da xustiza e da paz social.