"Os indios séntense máis estadounidenses que calquera outro cidadán deste país", contestou ofendida unha amiga ianqui á saída dun espectáculo musical no escenario incomparábel das badlands de Dacota do Norte. O western-cabaret ao que acabábamos de asistir discorría ao redor da historia estadounidense desde as súas orixes, a finais do século XVIII, até principios do século XX. A historia da colonización en menos dunha hora. De aí a miña estrañeza e consecuente pregunta sobre a ausencia, seica intencionada, de indíxenas americanos nunha peza teatral con grandes doses de exaltación patriótica.