O PSdeG chama a "un novo rexurdir" para Galicia desde a igualdade, o feminismo, a ética e o ecoloxismo

Gonzalo Caballero reivindica o socialismo como a "casa común do progresismo" para dar a Galicia o impulso que necesita.

Por Europa Press / Redacción | Rianxo | 25/07/2019 | Actualizada ás 18:44

Comparte esta noticia

O secretario xeral dos socialistas galegos, Gonzalo Caballero, reivindicou o "compromiso galeguista e socialista" do PSdeG, un partido que aspira a construír un "novo rexurdir" para Galicia desde "a igualdade, o feminismo, o compromiso ético e o ecoloxismo".

Os socialistas galegos homenaxean a Castelao en Rianxo con motivo da celebración do Día de Galicia
Os socialistas galegos homenaxean a Castelao en Rianxo con motivo da celebración do Día de Galicia | Fonte: Europa Press

Acompañado por numerosos cargos orgánicos e institucionais do PSdeG como o seu portavoz parlamentario, Xoaquín Fernández Leiceaga, Gonzalo Caballero participou este xoves na tradicional homenaxe a Alfonso Daniel Rodríguez Castelao que os socialistas galegos realizan cada ano en Rianxo (A Coruña) con motivo do 25 de xullo.

Á vista de que o presidente da Xunta e líder do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, deixa "unha Galicia con menos posibilidades de futuro", o líder dos socialistas galegos reivindicou os "valores e ideas" do PSdeG e prometeu traballar "para transformar esta realidade".

"O noso galeguismo ten na igualdade do socialismo a principal referencia", abundou Gonzalo Caballero, que defendeu tamén o compromiso coa defensa do medio ambiente e co desenvolvemento sustentable, así como coa "rexeneración e a ética dos cargos públicos".

Caballero chamou a "dar a Galicia o impulso que necesita" tras unha década de "inacción política e asfixia intelectual" de Feijóo que, na súa opinión, supuxo "un auténtico baleiro".

Por iso, o xefe de filas do PSdeG fixo un chamamento a toda a cidadanía para formar parte da nova maioría social a través dun galeguismo reformista e integrador no que todos os cidadáns "teñen cabida". "O PSdeG é a casa común do progresismo galeguista", engadiu para comprometer que o partido estará "á altura das circunstancias".

"Non podemos defraudar aos galegos e ás galegas que nos están agardando, aos miles que están a esperar un cambio político no país", recalcou o secretario xeral do PSdeG, que se dirixiu aos que queren "máis e mellor política en Galicia".

Reprobou a "fuxida cara adiante con fume electoral" que, ao seu xuízo, leva a cabo o presidente da Xunta agora que se dedica a anunciar plans ata 2030 "do que non fixo en dez anos de goberno". "Enganou a Galicia e quere seguir enganando", censurou.

"Queda un ano de traballo intenso pola Galicia que queremos", concluíu o secretario xeral, antes de deixar claro que os galegos son moito máis que a "leira particular na que o PP quere converter a Galicia".

"SOMOS UN PARTIDO CENTRAL EN GALICIA"

Tamén interveu no acto o presidente do PSdeG e portavoz parlamentario, Xoaquín Fernández Leiceaga, quen fixo unha "defensa pechada" do Estado das autonomías que, conforme sinalou, "traballo, progreso, dereitos, benestar e igualdade".

"A realidade expón novos problemas, pero non podemos desprezar o feito, senón que temos que partir dos seus valores máis profundos", reflexionou Leiceaga, que falou do respecto da lei e da defensa da liberdade e da igualdade como elementos que definen o PSdeG como partido e que "cada vez teñen máis importancia na sociedade".

Desde este prisma, sinalou que o PSdeG é un "partido central" en Galicia, máis aínda despois de gañar as últimas eleccións xerais e europeas e de resultar a forza que goberna sobre o 55% dos galegos e das galegas desde os concellos. "Temos unha enorme responsabilidade por diante", engadiu o dirixente socialista, consciente de que a Feijóo "lle quedan doce meses para empezar a despedirse da Xunta".

Pola súa banda, a secretaria xeral do PSdeG de Rianxo, Mari Carmen Figueira, agradeceu que o seu pobo siga sendo o escenario no que os socialistas conmemoran o Día de Galicia "desde hai máis de 20 anos".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta