A Xunta amosa dúbidas sobre o futuro das plantas de Alcoa

Feijóo pide que se resolva xa o papel que o fondo de investimento Parter terá nas factorías de Avilés e A Coruña e “non agardar dous anos” para ver que pasa. O comité de empresa insta ao Goberno a aprobar un estatuto electrointensivo "que abarate o prezo da enerxía".

Por Galicia Confidencial | Compostela | 01/08/2019 | Actualizada ás 17:08

Comparte esta noticia

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, advertía este mércores dun “peche en falso do conflito" das plantas de Alcoa na Coruña e Avilés, posto que a "solución" do investidor, o fondo de investimento Parter,  é "parcial" xa que "ten unha data de caducidade" de dous anos.

Fábrica de Alcoa en Avilés. EUROPA PRESS - Arquivo
Fábrica de Alcoa en Avilés. EUROPA PRESS - Arquivo

Unha postura que tamén comparte o presidente galego que pediu ao Goberno central "que se comprometa cos seus compromisos", en referencia ao estatuto para a industria electrointensiva, que o Executivo de Pedro Sánchez prometeu para o Consello de Ministros previo á convocatoria electoral do 28 de abril, pero que finalmente aprazou polas alegacións da Comisión Nacional do Mercado e da Competencia.

O posicionamento de Galicia foi moi claro. Desde o primeiro momento se nos pedíu axuda co tema de Parter e nós fixémolo e a ministra recoñeceuno”, dixo Feijóo. Para o presidente galego só hai dúas posibilidades para solventar definitivamente o futuro de Alcoa; ter dous anos cun problema prorrogado ou adicar dous anos para resolver definitivamente o problema. 

Eu aposto por resolver este problema nestes dous anos. Non me gustaría prorrogar o problema para, logo, comezar no punto de saída sen o problema sen resolver”, salientou ao tempo que recordou que a Xunta comparte a “incerteza” dos traballadores porque “é motivada e real”.

COMITÉ DE EMPRESA DE ALCOA

O presidente do comité de empresa da fábrica de Alcoa na Coruña, Juan Carlos López Corbacho, instou ao Goberno a "cumprir a súa promesa" e proceder á aprobación dun estatuto electrointensivo "que abarate o prezo da enerxía". "Iso sería garantía de futuro", asegurou en declaracións aos xornalistas coincidindo coa rolda de reunións mantida este xoves por representantes de Parter Capital, despois de asinarse a venda desta fábrica e a de Avilés (Asturias) ao fondo suízo.

Tras a rolda de contactos da mañá, Corbacho destacou o feito de que desde o fondo suízo desprazáronse ata a planta un día despois de materializarse a venda. "Imos ter que facer un traballo moi grande, de cambio da xestión que tiñamos ata agora", resumiu, sobre as actuacións máis inmediatas, o presidente do comité de empresa, que apuntou que nos próximos 24 meses o obxectivo é "potenciar a planta en aluminio secundario".

NOVOS INVESTIMENTOS

"Traballar co horizonte de modernizar a fundición, traer investimentos e esperar que o Goberno cumpra a súa promesa e saque un estatuto electrointensivo que abarate o prezo da electricidade e déanos a vida que necesitamos", recalcou.

Por outra banda, Corbacho agradeceu o apoio recibido nestes meses, tras anunciarse o peche da planta. Este agradecemento fíxoo extensivo tanto ás institucións como aos medios de comunicación "e a todo o mundo que estivo connosco", apuntou sobre as súas mobilizacións.

Mentres, ante a situación que atravesan outras empresas do sector, avogou por "retomar" a derrogación da reforma laboral. "Déixanos só 30 días para negociar un despedimento colectivo, é insuficiente", recalcou incidindo nos meses requiridos para buscar unha solución á factoría coruñesa.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta