Un Círculo do Silencio que berra pola situación dos refuxiados

A Rede Galega de Apoio ás Refuxiadas organiza cunha periodicidade mensual esta acción. "Queremos que as políticas cambien e a presión social é o único xeito de que isto ocorra", explica Isabel Rey, unha das persoas que organizan a actividade.

Por Brais Nogueira | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 02/08/2019 | Actualizada ás 08:56

Comparte esta noticia

Este xoves na Praza de Cervantes de Santiago de Compostela celebrouse o Círculo do Silencio, unha iniciativa de acción pacífica organizada pola Rede Galega de Apoio ás Refuxiadas. Esta funciona dun xeito horizontal e está formada por setenta organizacións e activistas galegos. Levan concentrándose o primeiro xoves de cada mes desde o mes de febreiro no mesmo lugar para denunciar a situación dos refuxiados e das persoas que pereceron na denominada Ruta do Mediterráneo.

Circulo do Silencio organizado pola Rede Galega de Apoio ás Refuxiadas
Circulo do Silencio organizado pola Rede Galega de Apoio ás Refuxiadas

Unhas corenta persoas reuníronse en torno a unha representación gráfica do Círculo para estar vinte minutos en silencio para conmemorar o drama dos refuxiados. Anteriormente, realizouse unha intervención en prol de que o Goberno español tome medidas a favor dos refuxiados, se eliminen os CIES e na que se expresou unha repulsa ás ideoloxías racistas. “Isto xurdiu para dar visibilidade a toda a problemática actual que existe en torno aos refuxiados, polo tanto tamén ofrecemos información á xente que pasa pola rúa”, explica Isabel Rey, membro da Rede e colaboradora da FIS (Fundación Internacional de Solidaridad da Compañía de María).

A súa visión dos meses nos que se leva organizando a acción é moi positiva: “Estamos moi contentos. Xa non pola xente que conseguimos reunir todos os meses, senón polas persoas que se suman das que están a pasar pola rúa. Tamén polo movemento que provoca o Círculo do Silencio en medios de comunicación e redes sociais.”. Destaca especialmente a difusión dixital da iniciativa “xa que da unha imaxe real de que existe unha actividade permanente”.

A LISTAXE DA INDIGNACIÓN

Ao carón da representación gráfica do Círculo atópase unha listaxe oficial das 35.597 persoas que faleceron na ruta do Mediterráneo a data de decembro do 2018 elaborada por UNITED for Intercultural Action, unha rede europea contra as ideoloxías xenófobas e que brindan apoio a inmigrantes e refuxiados. “Nalgúns casos están identificados e noutros non”, indica Rey. “Parécenos moi importante estender a lista dun xeito tanxible porque moitas veces se tende a abstraer o problema”.

A activista bota a culpa da situación directamente ao Goberno: “Realmente España, un país democrático, está a incumprir os Dereitos Humanos por non deixar entrar a persoas que foxen dunha guerra”, en referencia aos máis de seis millóns de persoas que levan saído de Siria durante os últimos anos. “Ademais é surrealista e indignante a situación que se está vivindo na actualidade, xa que asinamos traer a dezasete mil refuxiados e soamente se deixou entrar a dous mil e pico”.

Rey considera a acción como temporal porque a súa esperanza é que a razón pola que se organiza deixe de existir. “Queremos que as políticas cambien e o único xeito é conseguir unha presión social suficiente para logralo, non hai outra forma”, explica. “Aínda que é moi lamentable ter que facer todo isto para que os políticos cumpran algo tan básico como respectar os Dereitos Humanos”, remata a activista da FIS.

 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

2 Clamor popular

A "Rede Galega de Apoio ás Refuxiadas (sic)" son os catro que saen na foto?

1 Gamela

para cambiar "as políticas" non imos ter máis remedio que cambiar de políticos! ¿onde están os políticos que precisamos? https://i.gal/gamela13