Avivando espazos: o labor dos artistas que converten Ordes nun gran "museo a ceo aberto"

O DesOrdes Creativas, o Festival Internacional de Arte na Rúa, chegou á súa duodécima edición. A vila xa é todo un referente no mundo do muralismo contemporáneo. Desta volta, outros seis artistas vidos de diferentes partes do mundo arribaron en Ordes para dar novas vidas ás paredes deterioradas que a especulación urbanística deixou polo camiño. Nesta reportaxe falamos con Sokram, organizador do Festival, e cos artistas Alegría del Prado, Twee Muizen e Artez.

Por Uxía Iglesias | Xanceda | 12/08/2019 | Actualizada ás 14:25

Comparte esta noticia

"Unha señora acaba de pasar pedíndonos que vaiamos pintar a súa casa! Iso é xenial!", contan riseiros Twee Muizen, un colectivo de artistas formado por Cris e Denís. Eles, e tamén Alegría del Prado, Daniel Muñoz (SAN), Leandro Barea e Artez, son os artistas urbanos que viñeron dar a Ordes durante toda esta semana pasada. O seu cometido é encher de nova vida aquelas paredes máis esquecidas ou degradadas do pobo. A veciñanza xa está máis que afeita a que todos os veráns, durante uns cantos días, a vila acolla uns novos visitantes ben especiais: artistas vidos de diversas partes do mundo que empregan o espazo público como lenzo para botar a andar a imaxinación... e crear historias pintura en man. 

DesOrdes Creativas 2019: o mural case rematado de Artez
DesOrdes Creativas 2019: o mural case rematado de Artez | Fonte: Uxía Iglesias

Fano no marco do Desordes Creativas, un festival internacional de arte na rúa que xa vai pola duocécima edición. A paixón polo graffiti e o street art foi o nexo de unión entre uns cantos rapaces que, alá polo 2007, decidiron poñer en marcha este proxecto. Sokram, un dos organizadores xunto con Mou, conta que Ordes, a propia vila en que naceron e medraron, resultaba un bo lugar para plantar a semente deste festival: "é un pobo, coma tantos outros, que sofre a lacra do feísmo urbanístico e de distintas cafradas que se foron facendo dende os sesenta en diante. Neste contexto, parecíanos positivo intervir coa arte urbana: fomos mutando o pobo co tempo". 

Non cabe dúbida. Os impulsores do festival, que forman parte de Mutante Creativo, traballan coa teima de crear un "gran museo público e gratuíto a ceo aberto" mediante o emprego da "arte como ferramenta de rexeneración urbana e diálogo social". Nestes doce anos, a cor foi inundando diferentes puntos do pobo, e a día de hoxe, visitar Ordes implica tamén coñecer o talento de artistas diversos que quixeron deixar a súa pegada sobre a vila. 

NOVAS CREACIÓNS

Nesta edición a choiva non deu descanso, mais os seis artistas que traballaron sobre as paredes ordenses tampouco pararon o seu labor. A un lado da rúa Nova atopábase Twee Muizen e ao outro Octavio Alegría, do colectivo Alegría del Prado. Subidos nunha grúa, Denís e Cris pintaban o mércores os primeiros trazos do seu mural. Ámbolos dous xuntáronse en Holanda, e de alá trouxeron o seu nome, Twee Muizen, que significa "dous ratos". Amais de murais, pintan cadros, máscaras, fan bonecos de autor... Móvense entre o modernismo e o surrealismo, e nas súas creacións de rúa sempre queda patente esa relación humana co entorno natural. "Somos galegos, e iso nótase!", bromean. Esta é a segunda vez que pintan un mural grande en Galicia. "Das un distintivo ao lugar, fas que o espazo sexa especial", conta Cris. 

Do outro lado, Octavio, de Alegría del Prado, xa estaba dando as súas últimas pinceladas ao seu debuxo. El vén de México e a compañeira coa que sempre traballa é de Burgos. Relata que dende cativo estivo apegado á arte mural, moi estendida nas cidades do outro lado do océano. Este artista deixa en Ordes a súa pegada particular: unha composición que baila entre "a ilustración e a pintura", que evoca diferentes interpretacións e que nace das "imaxes que monta o subconsciente". "Todo depende de como vemos o mundo e como apreciamos os lugares e as persoas...", conta mirando para a súa obra. "O fondo era feo, agora coa pintura véxoo bastante bonito", continúa pensativo. A Octavio gústalle pintar na rúa porque "vive máis os lugares". Transfórmanse coa pintura, adquiren outros sentidos. 

Un pouco máis adiante unha parede negra e outra branca esperaban pola creatividade de Leandro Barea, que interviu en varios espazos ao longo do pobo; e preto del tamén estaba a piques de comezar a súa obra Daniel Muñoz "SAN". Un lugar das aforas do pobo foi reservado para Artez, un artista que viaxou dende Bosnia. Arribou en Ordes para debuxar unha gran parede, o soporte no que se sente máis cómodo. "O entorno no que se sitúa o muro - os edicios, as árbores...- sempre me dan pé para crear. En cambio, un cadro é un lenzo en branco moito máis difícil de afrontar para min porque non está inserto nun contexto", relata.  Fronte á gran parede que é o seu lenzo, explica a súa idea antes de poñerse mans á obra: "aquí representarei ese silencio incómodo que se produce no momento en que unha parella acaba de discutir... Paréceme un bo nome 'Silencio'", conta ilusionado.

O GRAFFITI, "A ARTE DO POBO"

Artez iniciouse no mundo da pintura urbana cando tiña quince anos e a través do graffiti. Denís e Cris (Twee Muizen) veñen do mundo das belas artes e do deseño de moda, respectivamente. Hoxe en día os artistas que teñen que ver co muralismo contemporáneo proveñen de formacións moi diversas, máis a arte na rúa, sexa como for, é algo tan natural que se leva desenvolvendo ao longo de toda a historia da humanidade. Así o explica Sokram, que alude a aqueles primeiros nomes pintados nas rúas de Nueva York e Philadelphia para defender que a arte urbana é "a verdadeira expresión da poboación no espazo que habita". Unha "reapropiación" dos lugares vitais dun pobo, deses lugares en desuso e deteriorados que a través da pintura se converten nunha canle de expresión entre o viandante e o artista. 

Sokram di que é "a arte máis xenerosa". Twee Muizen refírese a ela como "a arte do pobo". E Octavio Alegría conta que só cre na arte que está ao alcance de todas as persoas. Ese gran museo a ceo aberto, baixo estas premisas, é difícil que non se faga realidade. Con todo, a privatización dos espazos xoga na contra destes artistas. "A sociedade capitalista que fai que todo espazo público se convirta en privado reduce a capacidade da xente para actuar na rúa... Todo está copado pola publicidade e a institucionalidade", relata Sokram. Dalgun xeito, o DesOrdes funciona como un espazo para dar oportunidades a artistas urbanos e ilustradores que non tiveron a ocasión de intervir nun muro grande en boas condicións. "Intentamos facer canteira, sobre todo a nivel galego". Andan sempre atentos de pillar a quen despunta, de maneira que o festival, xa cunha importante proxección internacional, sirva de "xanela" e "trampolín". 

Sobre o papel das mulleres no mundo da arte na rúa, Sokram explica que historicamente é un eido bastante masculinizado. "Nos anos sesenta e setenta en EEUU o mundo do graffiti era perigoso, implicaba arriscar o físico, saír de noite en barrios moi fodidos... Era perigoso para calquera, e para as mulleres aínda máis". Iso magoou a porcentaxe de mulleres que se fixeron oco no ámbito do graffiti máis ortodoxo. Con todo, no muralismo os datos hoxe en día están un pouco máis equiparados: quizais un sesenta-corenta, bota contas Sokram.

"Dende a organización sempre intentamos sacar un cartel parello e dar chance a todas as rapazas", conta. Desta volta, elas son maioría na outra cara deste festival: o DesOrdes Sonoras. A música puxo este sábado o broche final a unha semana ben intensa. Ssssekone encargouse da sesión vermú, e á noite volveu xunto con Agoraphobia, Ortiga e High Paw. Tamén se puido gozar dun roteiro guiado polas obras do festival co propio Sokram e dunha exhibición de pintura en directo con Sekone durante toda a tarde. Se perdiches estas citas, neste mapa-rueiro online tamén se poden visitar virtualmente os diferentes murais que agocha cada esquina da vila.

Sen dúbida Ordes convértese no punto de mira de moitos referentes da arte e da propia veciñanza que ve como vai mudando ese lugar en que vive... Así é o Desordes: artistas da rúa brindando unha nova vida ao espazo que, logo de enmudecer, volve falar rexuvenecido.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta