O PP galego cre que o PSdeG debería estar "avergoñado" pola actitude do Goberno central con Alcoa

Rodríguez Arias pregúntase "a que xogan" e acusa os socialistas de estar "a defender os intereses de Sánchez na Moncloa".

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 07/08/2019 | Actualizada ás 14:04

Comparte esta noticia

A viceportavoz do grupo parlamentario do PPdeG, Marta Rodríguez Arias, afirmou que se ela fose socialista "tamén estaría avergoñada" da actitude do Goberno central con respecto "aos problemas de Galicia", entre eles os da industria electrointensiva.

En declaracións aos xornalistas convocadas este mesmo mércores, a popular proseguiu así co cruzamento de reproches entre PP e Xunta, por unha banda, e PSOE e Goberno central, por outro, por mor da xestión da crise das plantas de Alcoa na Coruña e Avilés.

Este luns, a ministra de Industria en funcións, Reyes Maroto, acompañada do líder do PSdeG, Gonzalo Caballero, vinculou a aprobación do estatuto electrointensivo á conformación de Goberno en Madrid.

Ese mesmo día obtivo resposta por parte do conselleiro de Economía da Xunta, Francisco Conde, quen replicou que "Galicia non está a poxa", idea que repetiu este mércores Rodríguez Arias.

Un día despois, o martes, foi o presidente galego, o popular Alberto Núñez Feijóo, quen propuxo ao fondo suízo Parter (o que se fixo coas factorías) un plan de formación e o financiamento de investimentos para a de Alu Iberia na Coruña.

Este mércores, cando o delegado do Goberno, o socialista Javier Losada, se reúne co socio director de Parter e fará declaracións ao termo (a reunión está prevista para as 15,00 horas), o grupo do PP galego na Cámara reaccionou coa convocatoria das declaracións de Rodríguez Arias, quen saíu para reivindicar as "medidas ofrecidas onte polo presidente da Xunta a Parter para fixar o mantemento dos 330 postos de traballo".

O ESTATUTO, "SI OU SI"

"A Xunta estivo implicada desde o primeiro momento. Demostrouno onte, cunha clara mostra dese compromiso ofrecendo un plan de formación ao persoal e o financiamento que a fábrica necesitase", sinalou.

Pero, neste sentido, a continuación, insistiu en que "o futuro da industria electrointensiva ten que pasar ou si ou si por un estatuto que reforce o futuro das empresas", xa que a solución neste momento é provisional", polos dous anos que garante Parter.

"A Xunta quere que sexa definitiva e niso está traballando. Seguirá traballando coa máxima lealdade, como ata agora, pensando unicamente nos traballadores, na industria e nos intereses de Galicia", relatou.

Fronte a isto, criticou unha "actitude completamente distinta por parte do Goberno estatal, concretamente pola visita do pasado luns da ministra de Industria", da que "non foi informada a Xunta", algo que contrasta con que despois Maroto "si se reuniu co presidente do Principado de Asturias".

OS 700 MILLÓNS

É máis, Rodríguez Arias lembrou o conflito aberto entre o Executivo autonómico e o central polos 700 millóns de euros que reclama Galicia, para afirmar que "parece que agora vai ser normal que se sometan os intereses de Galicia e dos galegos a que Pedro Sánchez se manteña na Moncloa".

Véndoo "preocupante", instou ao PSOE a "reflexionar, porque Galicia non está a poxa". "Non pode estar aos intereses partidistas de que Sánchez siga ou non siga na Moncloa", insistiu. "Galicia non está para ese tipo de bromas neste momento", agregou.

Precisando que "por suposto" que os populares se alegran pola solución para a factoría de Alcoa, o que non lles parece "de recibo é que se use unha solución que é provisional para vir aquí a chantaxear aos galegos dicindo que se non apoian o Goberno de Sánchez en Madrid non vai haber solución definitiva".

"O máis triste é que nese anuncio a ministra estea acompañada do señor Caballero e do delegado do Goberno. A que xogan? Están a defender os intereses dos galegos ou do señor Sánchez na Moncloa?", profundou.

VULCANO

Por último, cuestionada polos avisos do PSdeG pola situación de Vulcano, opinou que son "unha desculpa". "Se eu fose socialista tamén estaría avergoñada da situación que neste momento ten o Goberno do Estado cos problemas de Galicia", dixo.

E concluíu que "antes de avergoñarse deberían, no canto de presentar iniciativas, falar co seu Goberno e dicirlle que Galicia ten unhas necesidades e problemas que teñen que solucionar".

A popular Marta Rodríguez Arias, en declaracións aos medios no Parlamento. PPDEG
A popular Marta Rodríguez Arias, en declaracións aos medios no Parlamento. PPDEG | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta