Por Galicia Confidencial | Xinzo de Limia | 15/08/2019 | Actualizada ás 12:06
Tensión na feira de Xinzo entre Adegal (Asociación de Empresarios, Gandeiros e Agricultores da Limia) e a plataforma ecoloxista Auga Limpa Xa!, que denuncia "insultos, ameazas e coaccións" de "preto dun cento de persoas" que, segundo esta organización, foron "alentadas" por membros de Adegal.
Auga Limpa Xa! relata que os feitos aconteceron cando, contra as dez e media da mañá deste mércores, cinco membros desta plataforma instalaron unha mesa na rúa de San Roque para "informar sobre a contaminación das nosas augas polos residuos da industria cárnica" e "coa pretensión simplemente de recoller sinaturas para pedir unha moratoria á instalación de novas granxas industriais e solicitando o que é de lei, que as explotacións de porcino que hai en funcionamento xestionen correctamente todo o xurro que producen", argúen.
Aseguran que até o posto "achegáronse unha chea de persoas preocupadas polo problema que estamos a sufrir na Limia". Un problema que, din, existe "en moitos concellos desta comarca, especialmente no de Xinzo", onde "case ninguén se atreve a beber auga da billa, nin para cociñar, e menos dos pozos, a inmensa maioría superan os 50 miligramos de nitratros, que é o límite permitido pola Unión Europea", afirman.
Así, expuxeron na feira estes problemas, o cal suscitou polémica cando "preto dun cento de persoas" se achegaron eles "con insultos, ameazas e coaccións, acurralándonos contra a parede a cobadazos e obrigándonos a recoller todo e a marchar, protexidos en todo momento por axentes da Policía Local de Xinzo e da Garda Civil", a quen agradecen "inmensamente o apoio prestado". Uns feitos que foron denunciados ante a Garda Civil.
Auga Limpa Xa! asegura que esas persoas foron "alentadas por Adegal", asociación coa que din que a plataforma viña mantendo conversas, así como con Coren e a administración. "Despois do acontecido hoxe, estamos estudando rachar esas negociacións", anuncian.
RESPOSTA DE ADEGAL
Pola súa banda, a asociación Adegal presentou tamén unha denuncia ante a Garda Civil e unha queixa no Concello de Xinzo pola instalación da mesa de Auga Limpa Xa!, que, segundo os gandeiros e agricultores, non tiña licencia municipal para instalar o posto. Adegal considera "unha agresión contra o sector agrícola o gandeiro" a acción dos ecoloxistas
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.