Por Galicia Confidencial | Pobra do Caramiñal | 18/08/2019 | Actualizada ás 12:49
Un exemplar de golfiño común foi rescatado este pasado sábado tras ser atopado varado nuna zona lamacenta da Pobra do Caramiñal. A alerta produciuse ás 11:46 horas e en menos de media hora o golfiño estaba reflotado e xuntado co resto dos seus sete compañeiros, acompañados todos eles ata augas máis profundas, informa a Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños (Cemma).
O operativo foi realizado polos membros da Agrupación de Protección Civil, coas indicacións de especialistas da Rede de Varamentos. Neste caso, segundo a Cemma, foron unhas veciñas as que chamaron ao 112 e mandaron foto da situación.
A unidade Móbil da Cemma tardaría case dúas horas en chegar ao lugar (ten a súa base en Nigrán, Pontevedra), polo que a rápida asistencia do equipo de Protección Civil da Pobra do Caramiñal permitiu reflotar o exemplar, achegalo aos seus compañeiros e afastar a todo o grupo da costa con éxito.
A Cemma recorda que no caso de detectar unha manda de golfiños cerca de costa hai que avisar ao 112 ou ao 686989008 (teléfono de coordinación da Rede de Varamentos).
"Cada minuto conta atrás para os animais. Neste caso puido deberse simplemente pola baixa mar. Os golfiños comúns non viven na ría e non controlan a oscilación de marea, puidendo terse producido un varamento masivo", explica a Cemma.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.